Alberto Meira, a pechar o ano con vitoria no debut do Rallye Mariña Lucense

Unha vez sentenciado o subcampionato galego ao seu favor, Alberto Meira encara a última proba da tempada coa ambición de terminar a tempada con moi bo sabor de boca tras a vitoria cultivada no San Froilán. Ademais, o título galego de copilotos aínda está no aire e José Murado converteríase en campión se a dupla finaliza primeira ou segunda posición no Rallye Mariña Lucense.

A pesar da curta inscrición do rallye viveirense, Alberto terá que esforzarse se quere terminar o ano con vitoria, sobre uns tramos que a priori parecen moi esixentes debido á súa velocidade.

“O carácter dos tramos do Rallye Mariña Lucense é que son tremendamente rápidos, faremos medias de velocidade moi altas, ademais teñen poucos cruces e curvas lentas en xeral, hai moitas zonas de enlazadas rápidas onde trazar ben e ter unhas boas notas será a clave se queremos seguir esta senda positiva para terminar o ano. Tamén deberemos ter en conta a elección de pneumáticos, pois as condicións climatolóxicas volverán ser adversas”.

Con tres tramos a triplo pasada, O Vicedo, Xove e Cervo serán os xuíces para esta primeira edición do Rallye Mariña Lucense que o equipo AMF Motorsport afrontará coa ilusión de realizar un traballo ben feito para pechar a tempada con bo sabor de boca.

Anuncios