Identificados dous baioneses como presuntos autores dun furto e ameazas en Vigo

Na mañá deste luns, ás 11:53 horas, a sala de comunicacións da Policía Local de Vigo recibiu unha chamada desde a zona de Torrecedeira na que o alertante informaba de que unha persoa tentaba agredir a un comerciante da zona como consecuencia de discrepancias sobre a adquisición dun produto.

Unha Unidade dirixiuse ao punto indicado e unha vez no lugar foron requiridos por J.Z, súbdito estranxeiro de 36 anos de idade. O apuntado, propietario do local, manifestou aos axentes que momentos antes un home coa cabeza afeitada tentáralle agredir ao sorprendelo furtando mercadoría do seu establecemento comercial e ao non conseguilo fuxira en dirección rúa Llorente, acompañado dunha muller que levaba un can.

O citado mostrou as imaxes gravadas pola cámara de seguridade do establecemento, nas que se observa a un individuo correndo detrás del en actitude ameazante (cos puños pechados) e noutra da imaxes vese ao mesmo individuo na mesma actitude ameazante, portando un machada na súa man dereita para a continuación arroxala ao chan. Na referida gravación tamén se observa a unha muller que acompaña ao presunto agresor cun can que ten agarrado cunha correa.

Realizadas as xestións pertinentes pescudouse que as persoas implicadas no incidente residen na rúa cara á que fuxiran, lugar ao que se trasladaron os axentes para proceder á súa identificación e tentar aclarar o sucedido. Ao chamar ao telefonillo do domicilio en cuestión contestou un home, abrindo o portal.

No domicilio foron recibidos pola mesma muller que observaran nas imaxes. Esta persoa comezou a mostrar unha actitude hostil cara aos axentes, negándose a identificarse nun primeiro momento, dicindo que non saíra de casa e que vivía soa, aínda que ao dicirlle que ao telefonillo contestara un home, volveu repetir que vive soa.

Finalmente procederon á súa identificación, resultando ser B.S.C, de Baiona e 43 anos de idade, sendo informada de que se ía a realizar o pertinente informe, dirixido ao Xulgado de Garda relativo aos feitos mencionados.

Mediante consulta telemática, pescudouse que no devandito domicilio tamén reside A.M.R, tamén de Baiona e 37 anos de idade, datos achegados ao informe, para os efectos de que esta persoa puidese ser o presunto autor do furto e ameazas.

Anuncios