Nigrán inicia a instalación de nove novas marquesiñas accesibles

O Concello de Nigrán iniciou a instalación dunha nova remesa de nove marquesiñas de espera de transporte público 100% accesibles e non discriminatorias cun investimento de 20.000 €, cumprindo así co seu proxecto global de “Un Nigrán para todos”. Así, xa están listas ás de Manuel González Prado (San Pedro), Avda. Manuel Lemos (A Ramallosa), Montealto (Los Abetos- PO-552) e antes de final de ano sumarase Estrada pola Vía á altura do CIM (antiga estación do tranvía) e Avda.Manuel Lemos, para proseguir a continuación coa do cruce da Areíña (Parada), Estrada pola vía á altura do Froiz, Avda.Portugal (A Ramallosa) e cruce de Ana Isabel Costas con Manuel González de Prado (San Pedro). Todas elas correspóndense con paradas da liña regular de autobús ou de transporte escolar onde non existía ningún refuxio para a choiva e foron demandadas polos propios usuarios.

Estas marquesiñas son conformes ao Real Decreto 1544 e Orden VIV/561/2010, destacando principalmente en que contan con asentos isquiáticos, estes permiten o descanso nunha posición semisentada e axudan a recobrar a posición erguida facilmente, sendo especialmente indicados para persoas maiores ou con algunha discapacidade física. Son de 2,3 metros de alto e 3 metros de ancho, cunha profundidade de 1,5. A estrutura é totalmente de aceiro inoxidable brillo con tellado do mesmo material en chapa. Traseira e laterais son completamente pechados en policarbonato, un material antivandálico porque resisten mellor os impactos. Nos laterais pegouse un vinilo vermello co escudo do Concello para facelas máis visibles e accesibles. O banco co que conta ten repousabrazos e é tamén de aceiro inoxidable; o asento isquiático continuo ao banco consiste nunha barra situada a 75 cm do chan.

Anuncios