Manuel Sampedro dá o salto co Vigo-Rías Baixas

O regreso de Marcos Serrano á dirección deportiva redobra a aposta do Vigo-Rías Baixas polos novos talentos galegos. Manuel Sampedro, corredor que a próxima tempada debutará na categoría Elite e Sub-23, dá o salto coa entidade presidida por José Luis Chamorro. O ciclista da localidade coruñesa de Ribeira convértese no segundo reforzo do conxunto olívico para o seu renovado proxecto.

O rendemento de Sampedro durante a súa etapa como júnior nas filas do Club Ciclista Cambre outórgalle a condición de ser unha das principais promesas do pelotón autonómico. Habitual nas convocatorias da Selección de Galicia, no seu palmarés destaca o triunfo logrado o ano pasado no Premio Minas San Fix e o terceiro posto obtido no campionato galego de fondo na estrada 2018.

A súa versatilidade púxoa de manifesto esta campaña asinando a cuarta posición no campionato autonómico de contrarreloxo. “Son un corredor con bo fondo e adáptome moi ben a calquera tipo de percorrido, xa sexa duro ou chairo”, comenta Sampedro.

Aos seus 18 anos, o barbancés decidiuse a penetrarse no campo amateur da man do Vigo-Rías Baixas porque “é un equipo que ten un calendario moi completo e que consegue grandes resultados, a nivel individual e colectivo”. Esta incorporación da formación flúor únese á de Brais Gómez, outro júnior galego que en 2020 estrearase como sub-23.

Durante as próximas semanas o club presidido por Chamorro seguirá desvelando a identidade dos seus novos corredores. A nómina de fichaxes para o novo curso situarase por encima da decena. A intención da dirección deportiva é contar cun persoal non demasiado longa, con moita mocidade e toques de experiencia.

Anuncios