Arranca en Baiona o obradoiro “Cultiva a Mente”

Este luns deu comezo en Baiona o obradoiro “Cultiva a Mente”, que se desenvolverá ata finais de xuño do próximo ano. Este obradoiro nace desde a Concellería de Servizos Sociais a través de diversas reunións entre o Alcalde Carlos Gómez e a concelleira Concepción Vara coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias dexenerativas “AFAGA”, en busca de dar prevención e asesoramento á demanda de veciñas e veciños, maiores de 55 anos.

Nesta primeira edición, que arrancaba onte no Multiusos Ángel Bedriñana e que se realizará todos os luns ata o mes de xuño, conta coa participación de 13 veciñas e veciños do municipio, que dunha forma didáctica experimentarán novas aptitudes e experiencias para levar a cabo no seu día a día, exercitando a súa mente e fomentando a socialización.