Alberto Meira sentencia a pelexa polo subcampionato tras impoñerse no San Froilán

A cita lucense ía resultar clave nas aspiracións do equipo AMF Motorsport en plena loita polo subcampionato galego. Alberto Meira e José Murado encaraban o San Froilán coa necesidade de terminar por diante do seu rival directo para chegar á última proba coa vantaxe do seu lado.

Tres scratchs de catro posibles na matinal deixaban ao piloto de Vincios á fronte da proba, pero con só cinco segundos de marxe, polo que na sección vespertina habería que seguir atacando para chegar ao bucle nocturno coas máximas posibilidades. Con todo, a segunda pasada por Pol foi clave, xa que o seu rival pola vitoria e o subcampionato sufría problemas mecánicos que lle facían abandonar na seguinte asistencia.

Con minuto e medio de vantaxe, o equipo tomábase como un mero trámite a última sección do Rallye San Froilán e sen correr riscos innecesarios chegaban a parque pechado como vencedores. Un trofeo que aínda faltaba na vitrina de Alberto Meira, sendo a primeira vez que se impón na cidade amurallada e co que ademais lle vale para sentenciar a pelexa polo subcampionato ao seu favor, sen necesidade de esperar á última proba.

“Este triunfo chega no mellor momento para o equipo, debido a que levabamos axexándoo durante varias carreiras e finalmente puidemos celebralo. Todo funcionou á perfección durante a fin de semana e grazas ao bo traballo de todo o conxunto así como o apoio por parte dos nosos patrocinadores, podemos estar no máis alto deste Rallye San Froilán. Sen dúbida é unha inxección de moral moi importante para preparar a próxima tempada con ilusións renovadas”, comentaba Alberto Meira tras finalizar a proba.

O equipo AMF Motorsport logra así a segunda vitoria do ano, tras a cultivada en febreiro durante o debut aos mandos do Citroën DS3 R5 no Rallye do Bierzo.