O Namasté converteuse esta tarde no primeiro líder da Liga de Outono AXA J80 tras vencer na xornada inaugural da competición de monotipos que o Monte Real Club de Yates, co patrocinio de AXA Seguros, celebrará ata finais de novembro. O veleiro, patroneado por Luis de Mira, fíxose coa vitoria tras asinar un primeiro, un terceiro e un segundo nas tres probas con formato barlovento-sotavento de dobre volta que se disputaron no interior da baía de Baiona, en dous campos de regata diferentes.
A primeira proba foi, sen dúbida, a máis complicada pola inestabilidade do vento, que rolaba continuamente, subía e baixaba, e mesmo desaparecía por momentos. Vista a situación, o comité de regata decidiu acertadamente mover o campo de probas e trasladalo máis cara ao exterior, onde atoparon un vento do suroeste cunha intensidade de entre 10 e 12 nós.
O novo escenario permitiu celebrar as outras dúas probas previstas no programa, non exentas dalgún role e algunha caída de intensidade, que en calquera caso non obrigaron a modificar de novo o campo. A frota navegou máis igualada, con entradas moi xuntas, que mesmo chegaron a xerar algunha que outra protesta que se resolveu sen problemas.
O Namasté de Luis de Mira, cunha tripulación algo diferente á que mantivo ao longo da tempada de regatas de 2019, logrou impoñerse ao resto da frota con 6 puntos. Relegou ao segundo posto ao Maija de José Luis Pérez Vázquez que foi, sen dúbida, un dos veleiros que mellor regateou nesta xornada. Empezou con moita forza, asinando un primeiro e un segundo, pero unha caída ata a sexta posición na última proba arrebatoulle a vitoria final. O Luna Nueva de Juan Luis Tuero, outro dos habituais do podios das ligas de J80, tívose que conformar co terceiro posto.
Quedou así conformado o podio provisional no inicio liga outonal de monotipos J80, na que o Cansino de Fernándo Yáñez e o Spaco de Santiago Estévez, van cuarto e quinto na clasificación provisional.
A Liga de Outono AXA J80 manterá o mesmo formato que en edicións anteriores e disputará as diferentes xornadas cun descanso de 15 días entre unha e outra, salvo na última etapa. Así, a próxima cita cos monotipos en Baiona será o 9 de novembro; e haberá dúas xornadas máis os días 23 e 30 de novembro. Será ese día, último de mes, o de clausura da competición, coa entrega de premios aos gañadores e unha cea para toda a frota participante.




