“Co quecemento global, Galicia terá máis algas vermellas”

O I Foro Internacional da Auga de Mar e as Algas Mariñas (FIAMAM) que se celebra en Oia, continuou esta mañá co relatorio de Leonel Pereira, biólogo experto en algas, da Universidade de Coimbra. Pereira indicou que co quecemento global haberá un cambio no tipo de algas nas rías galegas e o norte de Portugal onde se incrementará a presenza de algas vermellas. Isto levará a que a industria que se asentou na Comunidade nos últimos anos, teña que adaptarse a este cambio. Pereira, gran defensor do consumo de algas, explicou que España e Portugal non están, nin de lonxe, nos primeiros postos dos países que consomen máis algas na súa dieta diaria. Na súa maioría, os consumidores principais deste produto son os países asiáticos e europeos, con costa, e que estiveron implicados na primeira e segunda guerra mundial. Isto débese a que nestes períodos da historia a poboación vese obrigada a buscar outras fontes de alimentación diferentes das habituais. Pereira defendeu que as algas son produtos cun alto contido en carbohidratos, fibra, minerais e proteínas. Pereira tamén advertiu que as persoas que extraian algas para o seu consumo deben recibir unha formación previa, como ocorre cos cogomelos, sobre todo para respectar un recurso natural do que dependen os ecosistemas mariños.

Tamén sobre algas pero sobre a súa aplicación farmacolóxica e dermocosmética, falou Lourdes Mourelle, investigadora de Física Aplicada da Universidade de Vigo, que forma parte da primeira publicación, coordinada pola Collage University de Dublín, sobre un estudo científico de produtos farmacolóxicos elaborados a partir de substancias bioactivas das algas, sobre todo, para tratar procesos inflamatorios, resultando fármacos menos agresivos e con menos efectos secundarios. Mourelle foi a encargada de realizar a revisión científica desta publicación, da que a investigadora de Vigo é a única española que participa.

Outro dos relatores de hoxe foi o doutor Franco Lamacchia, un referente no tratamento dos problemas das vías altas con auga de mar. Lamacchia explicou que en Italia, onde se encontra o centro do que é director médico, os otorrinos recomendan aos seus pacientes que traten inflamacións como a sinusite con inhalacións de auga de mar. A cura inhalatoria, que segundo Lamacchia ofrece uns resultados moi positivos en sinusites, recíbena ao día neste centro italiano unha media de 1.500 persoas, sendo un tratamento complementario moi habitual neste país.

Neste sentido, expertos de talasoterapia de España encomiaron esta mañá en Oia a gran implantación que hai destas técnicas en países veciños fronte a España. Rosana Canda, directora de Talaso Atlántico sinalou hoxe durante a inauguración oficial do I foro Internacional da Auga de Mar e as Algas Mariñas que este encontro nacera co obxectivo de profundar na necesidade de colocar á talasoterapia en España e, concretamente en Galicia, no lugar que se merece. “Este foro xurdiu como un espazo de reflexión e debate sobre o inmenso potencial da auga de mar e das altas para a nosa saúde. A nosa vocación é que se converta nunha cita periódica”.

O I Foro Internacional da Auga de Mar e as Algas Mariñas está organizado por Talaso Atlántico, a Asociación Iberoamericana de Peloides Termais, a Facultade de Ciencias de Mar da Universidade de Vigo e a Sociedade Científico-Técnico Galega de Talasoterapia. Colaboran empresas e entidades como Algamar, Laboratorios Quinton, e a Sociedade Española de Talasoterapia.

Anuncios