O xurado do certame “Vilas en Flor” visita Gondomar e Baiona

O xurado do certame Vilas en Flor, organizado pola Fundación Juana de Vega, a Asociacion de Viveristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), rematou as visitas aos 16 concellos participantes. Aos cinco da primeira edición –Allariz, Chantada, Caldas de Reis, Betanzos e Ortigueira– súmanse este ano outros once, Culleredo, Mondoñedo, Portomarín, Tomiño, Ponteceso, Salvaterra, A Guarda, Cuntis, Carballiño, Gondomar e Baiona.

“Vilas en Flor” é un programa encamiñado á posta en valor da riqueza natural e paisaxística, na liña dalgunha das multifuncionalidades da infraestrutura verde. Con este proxecto preténdese a mellora estética e funcional do territorio mediante o recoñecemento público daquelas actuacións medio ambientais, enriquecidas con obras de axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos.

As “Flores de Honra” son o distintivo que se concede anualmente aos municipios participantes, segundo criterio dun xurado especializado formado por expertos de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo. Hai cinco niveis: de unha a cinco Flores de Honra. O programa recoñece tanto a traxectoria como as accións levadas a cabo polos concellos galegos para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna

Na primeira edición, Allariz e Chantada levaron catro flores de honra; Caldas de Reis, tres; Betanzos, dúas e Ortigueira, unha.

Deste xeito, os concellos son recoñecidos pola súa adecuada implantación e xestión dos espazos verdes, contribuíndo de maneira directa ao desenvolvemento económico local, xerando máis actividade económica derivada do propio sector da planta ornamental e da xardinería así como dun previsible aumento de visitas turísticas. De feito existen rutas específicas para os concellos que participan neste tipo de programas. Por outra parte, os concellos polos que transcorre o Camiño de Santiago poderán ser considerados, recoñecidos e valorados desde un prisma internacional, construíndo unha marca de calidade local.

Unha das novidades, ademais dos concellos que participan por primeira vez, será a gala de entrega, que este ano terá lugar en Santiago, onde se coñecerá o gañador nunha cerimonia na que se vai manter a sorpresa ata o último momento.