O Centro de Información á Muller do Concello de Gondomar prepara xa os actos do próximo día 25 de Novembro, Día Internacional da non violencia de xénero. Un programa que, como en actividades realizadas durante todo o ano, apostará pola implicación das novas xeracións buscando a súa participación directa, á vez que se promove a súa sensibilización e formación en materia de igualdade de xénero.
Unha filosofía que marcou parte das actuacións que, dentro do 4º Plan Municipal da Igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, desenvolvéronse a través da Concellería de Igualdade neste ano, implicando en moitas delas aos centros escolares do municipio.
É o caso dos cinco obradoiros desenvoltos nos institutos de Terra de Turonio e Auga da Laxe, con material específico e que se completaron con diferentes iniciativas como análises de noticias, vídeo fórum ou debates dirixidos.
A iso sumáronse os obradoiros de prevención da violencia de xénero e promoción da igualdade que, dirixidos ás novas xeracións, desenvolvéronse dentro dunha carpa específica, coincidindo coas actividades festivas, deportivas ou culturais programadas en Gondomar. Nelas propoñíanse “Frases para a reflexión” reivindicando nos momentos previos ou nos descansos dos eventos “a igualdade entre homes e mulleres con lemas como “Só si é si”; “Controlar o móbil é violencia”, ou, “ Non máis violencia machista”.
Ademais nos 9 primeiros meses do ano celebráronse ciclos de charlas-obradoiro abertas a toda a sociedade, nas que participaron preto dun centenar de persoas, e púxose en marcha un módulo de sensibilización en igualdade entre mulleres e homes, aplicado a todas as accións formativas programadas nos diferentes departamentos do concello.
O goberno local de Gondomar, a través da Concellería de Igualdade, aposta claramente pola formación e educación como ferramentas para sensibilizar e implicar a toda a sociedade na loita contra a violencia xénero e a consecución dunha igualdade real. Para iso seguiranse programando actividades específicas, a través dos distintos departamentos que traballan neste ámbito.


