Sin categoría

O GES do Val Miñor denuncia graves irregularidades

A sección sindical da CUT-Bombeiros do Val Miñor, quere denunciar publicamente as graves irregularidades que están a sufrir os traballadores deste servizo. Desde fai un tempo, as reparacións e mantemento dos equipos fóronlle atribuídas a varios compoñentes do servizo designados polo novo coordinador. Este persoal non ten coñecemento nin titulación algunha en materia de mantemento de equipos, nin de electromecánica e tampouco foron formados nin designados polo órgano contratante sobre este tipo de tarefas. Non é a primeira vez que isto sucede, sendo estes operarios, co consentimento do coordinador, están metendo man na instalación eléctrica do camión forestal para instalar certos dispositivos que deberan ser instalados nun servizo oficial, o único que pode ofrecer garantías da súa instalación.

Noutra ocasión anterior, unha modificación no vehículo urbano (BUL), supuxo unha derrama para a Mancomunidade duns cantos miles de euros, xa que a avaría afectou a UEC (centraliña) do camión e mesmo avariou varios relés, e compoñentes electrónicos, situación que ocasiona ter que prescindir temporalmente dun vehículo, imprescindible para a atención das emerxencias, ademais do risco para os ocupantes do vehículo.

Así mesmo veñen solicitando material preciso para poder resolver as emerxencias coas máximas garantías de seguridade. Material como luvas de protección eléctrica, sen repoñer dende xuño, pese a que o risco eléctrico constitúe un dos riscos laborais máis comúns por estar presente en case todas as actividades. Algo similar pasa cos pantalóns de protección anti-corte e luvas das motoserras, unha das ferramentas máis empregadas ao longo do ano polo equipo, unha sola prenda, (12 traballadores e 3 maquinas), e con máis de catorce anos. Tratase dunha prioridade fronte outros gastos, e que segundo a distribución dos mesmos, vese claramente que non foi valorada como tal.

Estas incidencias fóronlle comunicadas verbalmente á delegada sindical, respondendo que non ten coñecemento deste tipo de feitos. A sección sindical quéixase tamén da falta de información (sindical) en canto a acordos que se levan a cabo, das mesas de negociación, xa que nin tan sequera se informa aos traballadores das convocatorias, nin dos temas a tratar, ou acordos acadados, información que só se facilita de xeito discriminatorio.

Informan que esta delegada sindical ten a categoría de condutora de motobomba, e cando lle toca traballar con algún membro coa categoría de peón, tratou de coaccionalo para que este conducira, sendo esta unha función inherente o posto de condutor. Esta práctica vén sendo habitual entre os condutores, tendo que conducir un peón, non sendo remunerados por dita función.

Por todo o exposto, desde esta sección sindical, instan novamente ao Presidente da Mancomunidade de Concellos do Val Miñor para que aborde todas estas cuestións, xa que, nunha xuntanza anterior, algunhas delas xa lle foran comunicadas.