Nigrán instala no cruce da Rúa dos Pazos con Baleazas os semáforos anulados na PO-340

O Concello de Nigrán iniciou este mércores a instalación da regulación semafórica no cruce da Rúa dos Pazos con Baleazas e Pateira, no barrio de A Tarela, co fin de mellorar a seguridade viaria nun tramo especialmente perigoso, con alta sinistralidade, e empregado polos autobuses escolares. Os semáforos colocados son os que se atopaban na intersección da PO-340 con Donas, onde esta semana quedaron anulados ao realizar a Xunta unha glorieta. “A demora das obras na rotonda da estrada A Ramallosa-Gondomar impediu que os puidésemos colocar antes”, subliña o alcalde, Juan González.

Neste cruce da Tarela realizouse previamente fresado e reposición do firme para, agora, instalar os semáforos, sendo o investimento total de preto de 40.000 € (os semáforos foron adquiridos polo Concello, non eran da súa propiedade). Trátase dunha vella demanda veciñal debido á gran velocidade á que circulan os vehículos pola Rúa dos Pazos e a escasa visibilidade que teñen os que se desexan incorporar, sendo ademais parte do itinerario dos autobuses escolares ao CEIP da Cruz (Camos), que realizan o traxecto varias veces ao día. “É un cruce realmente complexo, especialmente para os que se incorporan dende Camiño da Pateira, polo que se trata dunha vella demanda”, recoñece o alcalde, Juan González.