Comisan case 50 quilos de percebe a un grupo de furtivos en Baiona

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, e da Policía Autonómica comisaron na madrugada do pasado martes 49 quilos de percebe a un grupo de furtivos durante un operativo desenvolvido na costa de Baiona. A actuación, na que tamén participaron os gardapescas da confraría local, tamén supuxo a incautación dun vehículo, varios traxes de neopreno e outros útiles que os furtivos empregaban para extraer o recurso.

O vehículo requisado polos axentes foi depositado no cuartel da Garda Civil de Baiona mentres que o percebe comisado se entregou a un centro benéfico. A Consellería do Mar lembra á cidadanía que o consumo de marisco extraído e comercializado de xeito ilegal pode supor un risco para a saúde ao non ter pasado ningún tipo de control que o avale. Por iso, pide ao consumidor que non compre produto fóra das vías legais de comercialización.