O Cineclub Alice Guy-Val Miñor proxecta este xoves “La Caza”

Concello de Nigrán e Cineclub Alice Guy-Val Miñor ofrecen este xoves ás 20:30 horas no Auditorio Municipal a longametraxe danesa “La Caza”. Un profesor de parvulario recibe unha falsa acusación de pederastia. Na pequena comunidade onde habita empeza a recibir a exclusión e mesmo o acoso dos seus veciños mentres intenta demostrar a súa inocencia. Jagten (A caza) é unha produción da prestixiosa compañía danesa Zentropa, fundada en 1992 por Lars Von Trier e Peter Aalbaek Jensen, que se deu a coñecer por lanzar a mediados dos noventa o movemento Dogma, ideado polo propio Trier e o director desta película, Thomas Vinterberg, co obxectivo de recuperar certa esencia do cinema desposuíndo os seus filmes dos recursos técnicos empregados tradicionalmente pola industria, do mesmo xeito que fixeran no pasado certas tendencias vangardistas como a “nouvelle vague”.

Un dos filmes máis representativos deste movemento será Festen (Celebración), que no ano 98 pon a Vinterberg no punto de mira internacional. O Dogma, sen embargo, é xa un movemento finiquitado e pouco ou nada queda das súas propostas en Jagten, salvo algún emprego puntual da cámara en man e certo apego a contar historias cunha base argumental envolvente e un guion moi elaborado. Isto último é unha das grandes virtudes de Jagten, considerada como mellor guion nos Premios do Cine Europeo do 2012, así como a interpretación de Mads Mikkelsen, premiado como mellor actor no Festival de Cannes por este traballo.

Estamos ante un filme coa vontade de impactar ao espectador a través da progresiva baixada aos infernos do seu protagonista, tocando un asunto moi polémico na actualidade e diseccionando aspectos universais como a capacidade de destrución dunha mentira cando se propaga nunha comunidade e o valor da confianza e da amizade.

Sen dúbida, un dos títulos imprescindibles dos últimos anos.

Anuncios