Mañá arranca o I Foro internacional da auga de mar

O I Foro Internacional da Auga de Mar e as Algas Mariñas (FIAMAM) que acollerá mañá, xoves, e o venres o Hotel Talaso Atlántico (As Mariñas, Oia), centrarase en mostrar o potencial terapéutico da auga de mar para a saúde das persoas. O programa de relatorios comezará co de Salvador Ramos, director médico de Talaso Atlántico, que se centrará nos beneficios da talasoterapia para a saúde das persoas. A continuación, o foro contará coa presenza de Mariano Arnal, vicepresidente da Fundación Aqua Maris, pioneira en estudar o uso terapéutico da auga mariña. Arnal explicará, ademais, a súa experiencia tras vivir unha semana alimentándose tan só con auga de mar.

Rosa Meijide, catedrática da Universidade da Coruña e segunda muller académica da Real Academia de Medicina de Galicia, defenderá tamén mañá nestas xornadas os efectos da auga de mar sobre a pel para tratar a dermatite atópica e a psoriais.

A xornada de mañá pecharase con dous relatorios: un sobre o poder terapéutico da auga de mar nos procesos de rehabilitación e outro sobre a orixe da terapia mariña, a cargo de Guillermo Gosálbez, de Laboratorios Quinton.

O encontro conta tamén cun espazo de innovación onde se mostrarán produtos que foron fabricados con auga de mar ou algas mariñas, como é o caso de Algamar, empresa de comercialización de algas mariñas para o seu uso alimentario; Aqua Maris, organización especializada en temas mariños; Just the sea; plataforma dixital de produtos inspirados ou respectuosos co mar; Cholita Corme, fabricantes de bolsas con redes recicladas; Panadería Divina, que elabora pan con auga de mar ou La espiral verde que comercializa cosmética mariña.

O I Foro Internacional da Auga de Mar e as Algas Mariñas está organizado por Talaso Atlántico, a Asociación Iberoamericana de Peloides Termais, a Facultade de Ciencias de Mar da Universidade de Vigo e a Sociedade Científico-Técnico Galega de Talasoterapia. Colaboran empresas e entidades como Algamar, Laboratorios Quinton, e a Sociedade Española de Talasoterapia.

Anuncios