Os fundadores do “Proyecto Amor Conyugal” para matrimonios en crises visitan Nigrán

“Proyecto Amor Conyugal” é o nome dunha iniciativa pioneira para o acompañamento de matrimonios con dificultades, xurdida no ámbito da Pastoral Familiar da Diocese de Málaga. O matrimonio fundador, José Luis Gadea e Magüi Gálvez, visitarán durante esta fin de semana tres parroquias da Diocese de Tui-Vigo, convidados pola Delegación de Pastoral Familiar, para presentar este proxecto que busca ofrecer as claves para redescubrir a beleza do matrimonio cristián e reconstruír o amor en momentos de crises.

O venres 25 estarán ás 20:00 horas no salón da viguesa Parroquia do Corazón de María (r/Honduras, 7); o sábado 26 desprazaranse ata Priegue, Nigrán, concretamente á Capela Padre Pío, para expoñer este proxecto ás 11:00 horas tras a celebración da Misa, en ambos os dous casos con servizo de gardería. Por último, visitarán a sede episcopal o domingo 27, presentando este itinerario conxugal ás 11:00 horas na Catedral de Tui.

O método iniciado por José Luis e Magüi baséase nas catequeses do Papa San Juan Pablo II sobre o amor humano e o corpo, cunha formación específica para vivir o matrimonio segundo o plan de Deus, que busca ser levada á práctica mediante o diálogo, a oración e o establecemento de compromisos e prácticas cotiás de entrega na parella, así como encontros para familias que ofrecen oportunidades para a convivencia, a oración e a amizade.