Baiona limpa as súas rúas cunha decapadora para desincrustar os residuos máis adheridos

O Concello de Baiona terá como apoio para a limpeza viaria unha decapadora durante un mes. As rúas que se limparán son Marqués de Quintanar, Avenida Ramón y Cajal, Laureano Salgado, Cidade de Vigo, Carabela Pinta, Elduayen, Alférez Barreiro e todas as do casco vello. Esta máquina ten unha capacidade de 2000 litros de auga e realiza un baldeo máis intensivo que elimina os lodos das rúas e pode traballar a 180 bares de presión.

“A limpeza é máis profunda, non pode compararse co varrido e baldeo común, xa que ao empregar altas presións as calidades dos acabados son moi superiores ao resultado do empregar a limpeza mediante medios convencionais”, sinalan desde o goberno municipal. Esta máquina é moi polivalente, ten decapado, tamén leva unha pistola de alta presión e unha campá para acceder ás rúas que son de difícil acceso e que a máquina propiamente dita non pode entrar.

O equipo está composto por un condutor e a propia máquina decapadora. As funcións que realiza son a de decapado con auga fría a alta presión, decapado manual con auga fría a alta presión e baldeo mecanizado con auga a alta presión. Tamén polas súas características pode acceder á sucidade incrustada en escaleiras, bancos, farois, papeleiras, quitar pintadas no mobiliario urbano, etc.

“Desde a Concellería de Medio Ambiente preténdese ter o noso municipio máis limpo e máis coidado con incrustacións moi difíciles de sacar de forma manual que se vai adherindo ao pavimento día tras día. Tamén cabe destacar que esta máquina dispón dunha parte de chasis insonorizada, de forma que nesa zona afástase o motor coa bomba de presión, evitando así causar molestias aos veciños/as polo ruído”, conclúen desde o goberno.