As árbores de Carabela Pinta centran o debate no pleno de Baiona

O grupo de goberno de Baiona tombou a moción de urxencia presentada polos populares na sesión plenaria celebrada na mañá de onte, pola que trataron de evitar a talla das 24 árbores afectadas da rúa Carabela Pinta. O alcalde Carlos Gómez pola súa banda reiterou que estes serán substituídos canto antes por outros que non xeren molestias aos veciños, xa que dado o seu tamaño as ramas invaden o interior das súas vivendas, o que lles imposibilita abrir as súas xanelas.

Aínda así as argumentacións expostas polo rexedor non convenceron ao PP local que lle catalogou a súa actitude de “obstinada e irreflexiva”. Neste sentido o seu portavoz, Ángel Rodal, acusou o rexedor de “querer deixar sen vida a 24 árbores”. Para Gómez o feito de podalos non é unha opción válida porque segundo explicou ao tratarse de árbores de folla caduca implicaría que quedasen reducidos ao tronco, co que perderían todo o seu valor decorativo na rúa peonil. Unha vez máis os populares non esconderon a súa indignación despois de que o alcalde se ciñese soamente ao valor estético dos mesmos, despois de afirmar que “unha vez sen follas nin ramas o que os diferenza dun farol é que estes non dan luz”. Neste sentido o alcalde engadiu que respecta a postura adoptada pola segunda forza máis votada pero lembroulle a Rodal que “cando decidiron facer o carril bici cortaron loureiros”.

A talla das árbores non se levará a cabo de maneira inminente e polo momento encargaron un estudo a principios de semana á asociación Villas en Flor para que lle trasladen aos responsables de área que zonas son susceptibles de melloras, e onde estarán incluídos os 24 exemplares do viario baionés. Aínda así Gómez aclarou que contratarán a elaboración dun novo informe técnico a unha empresa especializada que lles asesore nas posibles solucións a adoptar. Así pois a moción de urxencia dos populares non saíu adiante cos votos en contra do PSOE, BNG, Nós e C’s e o visto e prace do PP.

A sesión celebrada na mañá de onte estendeuse ao longo de hora e media a pesar de contar con apenas tres puntos. Outro dos asuntos levado a debate foi o relativo á adhesión do Concello á plataforma de contratación Fegamp, que obtivo luz verde por unanimidade. A decisión adoptada permitirá axilizar as contratacións de obra pública, entre outras, e que ao mesmo tempo lles permitirá obter mellores ofertas.

Con todo a moción presentada polo BNG achega do rescate de Povisa por parte do Sergas non saíu adiante tras obter o veto do PP e a abstención de C’s, PSOE e Nós. Neste sentido Gómez argumentou a súa postura achacándoa a unha cuestión de prioridades. “Entendemos que sería máis produtivo optimizar o Meixoeiro xa que conta con mellores instalacións”, explicou.

Anuncios