O alcalde de Nigrán e presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Juan González, xunto a concelleira de Asuntos Sociais, Bibiana Peixoto, recibiron hoxe na alcaldía a Onofre Muianga, técnico da Asociación Nacional de Municipios de Mozambique que finaliza un mes de intercambio de coñecementos con persoal de catro concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A través do programa Vacacións con Traballo en Galicia, cofinanciado pola Xunta, o especialista en finanzas municipais estivo cadansúa semana nos concellos de Burela, Cabanas, Outes e Moaña para coñecer a súa experiencia nesta área. O obxectivo da súa visita foi estudar de preto sistemas que se poidan trasladar a Mozambique, ao tempo que contribuíu a sensibilizar sobre a situación dos países do sur e a visibilizar as potencialidades (realizou diversas charlas en centros educativos destes concellos). «Gustoume especialmente coñecer de preto a existencia e o funcionamento do ORAL como un xeito de externalizar a recadación de impostos dos Concellos, penso que supoñería un importante aforro económico para os municipios mozambicanos a existencia dunha entidade similar», explicoulle a González.
Axuda de emerxencia tras o ciclón
O Fondo Galego ten apoiado en Mozambique unha decena de proxectos que nos últimos anos se veñen intensificando a partir da liña de traballo iniciada coa ANAMM. A última actuación levada a cabo foi a axuda de emerxencia facilitada á vila de Nhamatanda, gravemente afectada polo paso do devastador ciclón Idai. Ademais, os sistemas de abastecemento de auga construídos no municipio de Nhamayábue -para evitar que a veciñanza fose atacada por fauna salvaxe ao collela no río- resultaron prexudicados polas fortes chuvias, polo que se están levando a cabo tarefas de reparación. Doutra banda, vén de rematar o proxecto para previr doenzas, adiccións e embarazos precoces na mocidade empregando como ferramenta o deporte, da man da Fundaçao Encontro. Precisamente, Onofre Muianga entregou ao presidente do Fondo Galego sendos certificados que avalan que a axuda económica aportada polo Fondo foi empregada ao 100% nos proxectos mencionados.

