Rodal acusa o goberno do PSOE de tomar medidas improvisadas

A valoración realizada polo alcalde socialista de Baiona, Carlos Gómez, tras os seus 100 primeiros días de goberno levantou bochas no principal grupo da oposición e as reaccións non se fixeron esperar. O portavoz dos populares, Ángel Rodal, considera que a xestión municipal está a levarse a cabo de maneira “improvisada”.

Medidas de última hora e falta de mantemento en espazos públicos, praias, ou o coidado das zonas “tanto dentro como fóra do centro urbano” son algunhas das deficiencias criticadas polo PP local respecto á política que está a levar a cabo o tripartito formado por PSOE, Nós e BNG. “Non se plantaron flores, nin recollido algas e a limpeza nos areais foi bastante pobre durante o pasado verán”, aseverou Rodal.

Así pois unha das principais bazas esgrimidas polo alcalde socialista respecto ao anterior mandato foi a relativa ás partidas orzamentarias, xa que segundo asegurou “a 15 de xuño atopámonos cuns orzamentos practicamente esgotados, en concreto nun 61% con todas as actividades de verán por diante”. Unha afirmación que colleu por sorpresa ao anterior rexedor. “Sorpréndeme que fagan esta afirmación cando o primeiro que fixeron ao tomar a batuta de mando foi a de establecer cinco dedicacións exclusivas cun aumento do gasto en salarios do 24%”, declarou. Nesta liña Rodal lembrou que durante o anterior período deixaron as contas municipais saneadas “con 2,5 millóns de remanente para o rescate do aparcadoiro do Aral” ademais de varios proxectos canalizados por valor de 1.897.000 euros entre os que destacou a rehabilitación do antigo mercado de Sabarís.

O portavoz do PP baionés tampouco escondeu o seu asombro tras a medida anunciada por Gómez pola que abrirán ao tráfico rodado a rúa Carabela Pinta en horario de tarde tras oito anos peonalizada. Unha decisión pensada para potenciar o comercio local en horario laboral, mentres que os sábados de tarde, domingos e festivos manteríase como ata o momento. “A tendencia nas principais cidades de España é precisamente a de limitar paulatinamente o tráfico rodado e cando neste caso trátase dunha zona que xa estaba máis que consolidada”, engadiu. Ademais Rodal recalcou que desde o seu punto de vista o correcto sería finalizar os trámites para que o recollido no plan de viabilidade económica do aparcamento do Aral entre en vigor “canto antes”. Entre as bonificacións propostas no documento destaca o tempo de aparcamento gratuíto para os veciños da vila, pasado dunha a dúas horas con custo cero. “Existen unhas instalacións a pouco máis de 200 metros do devandito viario que cumpren esa misión dinamizadora e o que deberían é de actualizar as condicións establecidas para que todos os que o desexen poidan aparcar a escasos metros de Carabela Pinta e facer así as súas xestións ou compras”, finalizou.

Anuncios