O IEM conmemora o seu vixésimo aniversario coas xornadas “A volta das 9”

O Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) porá en marcha a partir deste xoves e durante todo o mes de outubro, un programa de actividades centrado en recuperar a memoria das mulleres que sufriron a represión franquista no Val de Miñor. Faino no ano en que se cumpren vinte desde a súa constitución e coincidindo co mes no que tivo lugar o asasinato de nove veciños da contorna na Volta da Bombardeira, coñecida desde entón como A Volta dos 9.

Nesta ocasión, o IEM quere darlle especial protagonismo ás mulleres. Tanto a aquelas que padeceron de xeito directo, -caso de Dolores Samuelle, asasinada por dar acubillo en Baiona aos irmáns José e Luís López Luís, os Ineses, cuxa redada deu orixe á masacre dos nove no camiño a Baredo- como as que viron á súa vida truncada pola persecución dos homes da familia. As nove viúvas da Bombardeira son un claro exemplo e de aí que o IEM denominase á xornada como A Volta das 9. Mais, explican desde o organismo, “non só homenaxearemos a esas nove vítimas e ás súas familias se non que, coa súa volta á nosa memoria, queremos render tributo a todas as mulleres do Val de Miñor que sufriron a represión”.

Asasinadas, presas, vexadas con castigos como os abusos sexuais ou a rapa, depuradas dos seus empregos, exiliadas, viúvas e orfas, terán protagonismo nos actos e na publicación que, con algunhas das súas historias elaborou o IEM e que será repartida de balde durante os actos. Mais tamén o terán as mulleres solidarias, resistentes e aquelas que, transmitindo a súa memoria, posibilitaron que o verdadeiro relato do acontecido chegase ata nós.

INAUGURACIÓN DAS XORNADAS

Para a realización das xornadas, -que se prolongarán durante todo o mes, desde o xoves 3 ata o sábado 26 de outubro-, o IEM contou coa colaboración dos tres concellos nos que se desenrolará o programa: Baiona, Gondomar e Nigrán.

O primeiro acto terá lugar este xoves, 3 de outubro, na Aula Ponte de Rosas de Nigrán, a partir das oito da tarde, cunha charla de Telmo Comesaña, orfo de José Comesaña, un dos veciños de Alcabre asasinados en Vincios o 6 de outubro de 1936.

Dous días despois, o sábado 6 ás oito da tarde, terá lugar no Concello de Baiona a inauguración da exposición Rexas, mulleres baixo o terror franquista, cedida pola Deputación de Pontevedra. E a continuación, na Biblioteca Municipal, o proxección, e posterior debate, do documental Matriarcas, que sobre esta mesma temática elaboraron catro alumnas da contorna: Xiana Vilar, Mónica Sousa, Vanesa García e Laura Rial.

Os documentais serán un dos pratos fortes da programación. O martes 8, tamén ás oito da tarde, a directora francesa Odette Martínez estará no Auditorio de Nigrán para presentar o seu traballo La isla de Chelo, protagonizado pola guerrilleira antifranquista Chelo Rodríguez, falecida este mesmo ano. O seu compañeiro de loita, o guerrilleiro Quico Martínez, participará no debate posterior.

A volta das 9 inclúe a proxección dun terceiro documental, o laureado El silencio de otros. Será o venres 18, ás oito da tarde, de novo na biblioteca municipal de Baiona, e contará coa presenza dun dos seus protagonistas, Chato Galante, que se adheriu á querela arxentina para que a xuíza Servini investigue as torturas ás que foi sometido por Billy el niño.

Tamén estarán en A volta das 9 as escritoras Eva Mejuto, coa súa obra Memoria do silencio, -protagonizada polas irmás Touza, que desde Ribadavia crearon unha rede de evasión para afastar aos xudeus do holocausto nazi-, e Inma López Silva que, en Memoria das cidades sen luz, recrea o exilio de María Miramontes, a viúva do alcalde de Compostela, Anxo Casal, asasinado polos franquistas.

O programa complétase coas charlas das xornalistas Montse Fajardo, -que falará das características da represión feminina e en concreto, da sufrida na contorna-, e Carme Vidal, -que versa sobre as autobiografías realizadas por varias vítimas galegas-, así como de familiares de represaliados: Valentín García Bóveda, neto de Alexandre Bóveda, asasinado en agosto do 36, e Pablo Iglesias Núñez, fillo de Mercedes Núñez, presa nun campo de concentración nazi.

O acto de homenaxe ás familias terá lugar o sábado 26 de outubro, ás doce da mañá, tras a colocación da placa, obra de Fernando Casás no cemiterio de Baiona en memoria dos 9. A música porana Lucía César Veloso e Manolo Dopico.

díptico volta das 9_texto