O Concello de Nigrán ilumínase de verde esta noite polo Día Nacional da Artrite

O Concello de Nigrán súmase un ano máis á celebración do “Mes da artrite e da espondiloartrite” coa iluminación de cor verde da Casa do Concello esta noite do 1 de outubro, Día Nacional da Artrite, tal e como solicitan desde a Asociación Enfermos Artrite Pontevedra (Asearpo) a través da Coordinadora Nacional de Artrite. O obxectivo é homenaxear ás persoas que sofren estas doenzas e visibilizar estas patoloxías descoñecidas para a maior parte da poboación (a iniciativa naceu no ano 2015 en cidades como Madrid, Vigo, Santiago, Huesca ou Valencia). Así mesmo, o 14 de outubro instalarán unha mesa informativa no Centro de Saúde da Xunqueira e o día 26 no Hospital Álvaro Cunqueiro celebrarase unha Xornada-debate en horario de 10:30 a 13:30 horas.

A artrite é a inflamación dunha ou máis articulacións. Os principais síntomas da artrite son dor e rixidez das articulacións, que adoitan empeorar coa idade. Os tipos máis frecuentes de artrites son a artrose e a artrite reumatoide.