O Parador de Baiona participa nas II Xornadas do Mexillón Galego

Dentro da aposta polos produtos locais e de proximidade, Paradores de Turismo propón para o mes de outubro un auténtico planazo gastronómico coincidindo co arranque da época outonal: as súas Xornadas do Mexillón Galego. Unha cita culinaria imprescindible que cumpre a súa segunda edición tras a excelente acollida rexistrada o ano pasado na convocatoria inaugural.

Sete restaurantes de paradores galegos – os máis próximos á costa (Ribadeo, Ferrol, Cambados, Pontevedra, Tui e Baiona) ademais de Santiago de Compostela- crearon para a ocasión menús especiais nos que este exquisito molusco, presentado en multitude de variantes e elaboracións, volve ser o gran protagonista.

Durante as fins de semana de outubro (venres, sábados e domingos en servizo de xantares e ceas) cada establecemento vai sorprender aos clientes cunha carta paralela á habitual que inclúe polo menos seis propostas que teñen como ingrediente principal o Mexillón de Galicia con presenza de especialidades tradicionais de cada zona. Unha oferta que, en conxunto, permitirá saborear, se se completa todo o percorrido, preto de 30 elaboracións diferentes deste prezado e nutritivo bivalvo con receitas que van desde o clásico ao vapor ata frito, escabechado, en croqueta, tortilla, tosta, salpicón, empanadas diversas, múltiples salsas ou en arroces e guisos.

As Xornadas do Mexillón Galego de Paradores chegan precisamente no mellor momento para consumir este molusco. A acción busca poñer en valor este singular produto da acuicultura e evidenciar a súa versatilidade culinaria. O mexillón das rías galegas está considerado o mellor do mundo. Galicia é a primeira potencia mundial en cultivo e comercialización deste bivalvo e das súas bateas sae o 40% da produción europea.

A cita constitúe un pretexto perfecto para organizar unha escapada gastro a Galicia e gozar, xunto a un dos produtos estrela desta zona, das súas espectaculares paisaxes ás portas do outono.

2019-09-27 - MENÚ BAIONA

Anuncios