Como xa sucedeu varias veces ao longo desta tempada, o Rallye Ribeira Sacra ía estar marcado pola meteoroloxía variable, facendo da elección de pneumáticos unha auténtica lotería, máis se cabe co novo tramo de “Sober” tan afastado respecto aos outros dous que compoñían cada bucle do sábado.
A proba comezaba o venres coa clásica pasada a Castro de Beiro, nesta ocasión aínda co sol alumando a paisaxe, e onde Alberto Meira deixábase pouco máis dun segundo. O de Gondomar poñíase líder durante o primeiro bucle do sábado, con dous scratchs nos dous tramos máis secos. De novo, para a segunda sección, escoller o calzado óptimo ía ser unha quimera, coas especiais molladas pero coa incerteza de que se puidesen secar. O patrón repetíase unha vez máis, con Meira asinando dous mellores cronos nos mesmos tramos e cedendo algo de terreo en “Vilanova – Luintra”.
O último bucle, e máis concretamente esa terceira pasada polo mencionado “Vilanova – Luintra” ía marcar por completo o desenlace do rallye. Tras un intercambio de diferenzas nas dúas primeiras especiais, Meira presentábase na saída do último tramo con 2 segundos de desvantaxe. A choiva aumentaba pero as ganas de obter o ansiado triunfo facían que o Citroën DS3 R5 fose pilotado ao límite sobre un piso tremendamente delicado. Finalmente, unha saída de estrada a poucos quilómetros de meta facía esfumarse a vitoria, negándose o coche para arrancar de novo e véndose obrigados ao abandono.
“Espremémonos ao máximo para alcanzar a vitoria, con diferenzas mínimas respecto aos nosos rivais a pesar das condicións climatolóxicas. Xogámonos o tipo no último tramo para subir ao máis alto do podio, e aínda que non foi posible, imos coa boa sensación de tentalo”, sinalaba Alberto Meira.
O abandono do seu rival directo polo subcampionato significa que o piloto do Recalvi Team mantén, a pesar do cero, as súas opcións intactas a falta de dúas probas para o termo da tempada.

