Nigrán acollerá o primeiro dúatlon canino de Galicia

O Concello de Nigrán e o club ZarkoCan celebran durante toda a xornada do domingo 29 en Porto do Molle o “I Mushing Popular Concello de Nigrán”, deporte canino espectacular con diferentes disciplinas e que ten a súa orixe na ancestral forma de transporte nórdica (uso de cans de tiro para arrastrar trineos sobre superficies xeadas ou de neve).

Os asistentes a este evento poderán ver durante a mañá e por vez primeira en Galicia un dúatlon canino ou probas máis coñecidas como canicross na que participarán o campión nacional Óscar Piñeiro ou o atleta ex olímpico Alejandro Gómez (tamén entre os tres mellores de España). Igualmente, terán lugar competicións de tiro con can como patín ou bikejoring (con bicicleta) e andaina canina ou cross running.

As inscricións están abertas ata este domingo 22 á medioanoite en www.galitiming.com (todas as disciplinas terán un custe total de 10 €, podendo ir a varias sen custe adicional). Xa durante a tarde, celebraranse exhibicións de obediencia canina a cargo do club Zarkocan e de pastoreo de ovellas (moi pouco común no sur da Provincia) a cargo do Club Terras do Xesteira (Cuntis).

O emprazamento en Porto do Molle permitirá que o percorrido das probas resulte moi vistoso para os asistentes, que terán un campo visual practicamente de todo o trazado por onde discorran. “Cremos que é unha oportunidade única para os amantes dos animais e da natureza e os deportes, tanto para participar como para ter a primeira toma de contacto coas diferentes modalidades de mushing”, explica o alcalde de Nigrán, Juan González. “Mediante o deporte, dende o Club Zarko Can queremos, sobre todo, sensibilizar sobre o que significa ter un can”, explica o seu responsable, Ángel Lira.

Anuncios