Manifesto Miñor presenta unha moción contra a creación dunha universidade privada

O Grupo Municipal de Manifesto Miñor presentará no pleno de setembro unha moción contra a creación dunha universidade privada. A Xunta vén de iniciar a tramitación dunha universidade privada en Galicia impulsada por Abanca: a “Universidade Intercontinental de la Empresa” con sede en Compostela e campus de ensino en Vigo e A Coruña. “O Partido Popular leva anos desmantelando a universidade pública galega a través de medidas austerizidas para favorecer a creación dunha universidade de iniciativa privada”, sinala Antonio Araújo.

Nesta liña, segundo o concelleiro de Manifesto Miñor, o goberno de Feijóo leva anos na estratexia de desviar estudantes cara o ensino privado e fóra das universidades públicas galegas, impoñendo unha cláusula de estabilidade que impide que medren os alumnos no Sistema Universitario de Galicia (SUG). “De feito, existen titulacións nas que é imposible crear novas prazas xa que, esta medida, suporía a redución da oferta noutras. Asemade, resulta incomprensible que a Xunta de Galicia presente o Anteproxecto de Lei de recoñecemento da universidade privada”.

Araújo destaca ademais que “Universidad Intercontinental de la Empresa” non conta con memoria técnica nin económica. “Tampouco se incorpora no devandito anteproxecto as titulacións que se van impartir, de tal xeito que, no futuro, podemos atoparnos cunha competencia innecesaria e absolutamente desleal entre a universidade pública e a universidade privada”.

Para Manifesto Miñor, as institucións públicas deben apostar decididamente por unha educación pública e de calidade e, fundamentalmente, o ensino e a investigación no SUG, a fin de contribuír a excelencia das nosas universidades e fomentar a súa competitividade no Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).

O Grupo Municipal de Manifesto Miñor solicita ao Pleno da Corporación do Concello de Gondomar instar á Xunta de Galicia a retirar o Anteproxecto de Lei de recoñecemento da universidade privada “Universidad Intercontinental de la Empresa”, e que, no caso de ir adiante a devandita universidade privada patrocinada por ABANCA, que competiría directamente coa UVIGO, acordar clausurar as contas, operacións financeiras, etc, con ABANCA.