Gondomar abre o prazo de inscrición das escolas deportivas municipais

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Tawkwondo.

O vindeiro martes 16 de setembro abrirase o prazo de inscrición, coincidindo co inicio do curso escolar, dunha nova edición da escolas deportivas municipais que o Concello de Gondomar, a través da Concellería de Deportes, promove co fin de implicar aos máis pequenos e mozos na práctica do deporte e a concienciación dos hábitos saudables.

Os interesados poderán inscribirse na oficina do Pavillón Municipal Bernabé Costas de Miranda a partir do 16 de setembro, de luns a venres, de 10:00 a 12:00 horas en horario de mañá, e entre as 17:00 e as 19:00 horas polas tardes. O número mínimo de rexistrados para poñer en marcha calquera curso dos ofertados será de dez persoas.

Este ano ofertaranse un total de 17 actividades deportivas, desenvoltas polo Concello en colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra e diferentes clubs do municipio. Nelas poderanse matricular os nados no ano 2014 e anteriores, excepto no caso de iniciación ao deporte, no que a idade de matrícula será a partir dos 4 anos de idade. En todos os casos terán preferencia os matriculados no Concello de Gondomar.

Tenis, judo, fútbol, balonmán, ximnasia acrobática, atletismo, tiro ao arco, tenis de mesa, taekwondo, baloncesto, fitness, escola de GAP, fútbol gaélico e xadrez son algunhas das opcións que se ofertan este ano, e que se desenvolverán coincidindo co calendario escolar dos participantes, cunha duración de oito meses.

O prezo de matrícula de calquera actividade será de 75,61 euros (incluíndo nesta cantidade o pago do seguro). Así mesmo aplicarase unha redución dun 25% no caso de matrícula dun segundo membro da mesma familia, e dun 50% sobre a tarifa para partir do terceiro e seguintes. As matrículas que se formalicen a partir de xaneiro estarán suxeitas á ordenanza de 2020.