Máis de 200 atletas solidarios na quinta edición do Vertiatlón de Baiona

211 atletas participarán este sábado en Baiona nunha nova edición do Vertiatlón Solidario, un tríatlon con formato sprint que desde fai cinco anos recada fondos para a Escola de Vela Adaptada para persoas con discapacidade do Monte Real Club de Yates.

É precisamente o club baionés o que, man a man co concello de Baiona, a colaboración da Federación Galega de Tríatlon e o patrocinio de Verti Seguros, impulsa esta proba solidaria co obxectivo de poder seguir financiando todos os cursos e actividades que organiza de forma gratuíta para que persoas con diversidade funcional poidan navegar e gozar do mar en igualdade de condicións.

Nesta quinta edición, o Vertiatlón Solidario manterá o mesmo deseño de probas que en ocasións anteriores. Terá o esquema dun tríatlon sprint, cunha proba de natación de 750 metros, outra de bicicleta cun percorrido de 20 quilómetros e unha proba final na que os atletas deberán completar 5 quilómetros correndo.

As tres probas desenvolveranse en escenarios relacionados co mar ou con vistas ao mar, sendo esta peculiaridade unha das características que fai tan especial este tríatlon.

A competición comezará ás catro da tarde na praia da Barbeira, no interior do recinto do Parador Nacional de Baiona, desde onde se dará saída á proba de natación. Os atletas deberán rodear as instalacións do Monte Real Club de Yates ata a praia da Ribeira, onde atoparán o primeiro tramo de ligazón ata a segunda das probas, a ciclista.

Na pista de baloncesto da zona da Palma collerán as súas bicicletas, preparadas con anterioridade, e emprenderán un percorrido de case 20 quilómetros consistente en tres voltas entre as dúas rotondas que dan acceso a Baiona, a de Baredo e a de Santa Marta.

A última das probas do Vertiatlón será a carreira a pé. 5 quilómetros rodeando nunha dobre volta o recinto amurallado da península do Monterreal, tamén coñecida como península de Monte Boi, na que se sitúa o Parador Nacional.

Unha vez finalizado o percorrido, os xardíns do Monte Real Club de Yates serán o punto de encontro dos deportistas na entrega de premios aos gañadores. Daranse trofeos aos primeiros clasificados das diferentes clases que participan: absolutas masculina e feminina, veteranas, xuvenís, cadetes e dous premios especiais aos mellores triatletas censados en Baiona.

Na última edición do Vertiatlón resultaron gañadores Denis Incutti, do Club Natación Ribeira; e María Lois, do Arcade Inforhouse Santiago. En veteranos levaron a vitoria Pedro Pablo Bernardez e Sandra Santodomingo; e Xoel Rodríguez e Antía Pazos venceron en cadete.

A presentación oficial da quinta edición do Vertiatlón Solidario de Baiona celebrouse esta mañá no Monte Real Club de Yates coas intervencións do alcalde de Baiona, Carlos Gómez; o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete; o director xeral de maiores e persoas con discapacidade, Ildefonso de la Campa; o deputado provincial Santos Héctor Rodríguez; o delegado da FEGATRI en Pontevedra, Enrique Hernández; e a responsable de márketing de Coca Cola European Partners, María Troncoso.

“O club empezou hai anos coa Escola de vela adaptada e levamos cinco anos impulsando esta iniciativa do Vertiatlón. Entendemos que non hai cousa máis bonita que un deportista axude a outro deportista, e máis se é doutro deporte diferente. A contorna é marabilloso e o pobo acólleo con moitísimo agarimo, algo que nos enche de orgullo”

Alejandro Retolaza, vicepresidente do Monte Real Club de Yates

“O pobo de Baiona está sensibilizado coa inclusión social e os cursos de vela adaptada que ofrece o Monte Real Club de Yates son fundamentais. Apostamos por ser un pobo inclusivo e non imos deixar de poñer todo o noso empeño para poder garantir que as persoas con diversidade funcional sentan cada vez máis cómodas no pobo de Baiona”

Carlos Gómez, alcalde de Baiona

“Hai dúas vertentes do deporte, dous segmentos que son moi importantes: un, a vertente solidaria, e outro a vertente inclusiva. O noso lema na secretaría xeral é “o deporte para toda a vida” e o deporte inclusivo debe traballarse en base tamén a este lema, e é por iso polo que é tan importante a celebración deste tipo de eventos”

José Ramón Lete Lasa, secretario xeral para o Deporte

“O Monte Real é un exemplo do que é unha acción inclusiva eficaz, por varios motivos. Primeiro porque están a fomentar un dos principais alicerces sobre os que fundamentamos as políticas de inclusión: o contar coas persoas con diversidade funcional. E despois por darlles visibilidade e normalizar a súa situación”

Ildefonso de la Campa, director xeral de maiores e persoas con discapacidade

“O Monte Real leva un ritmo de moito traballo e moita actividade durante o verán e é realmente exemplar o esforzo organizativo do club, sobre todo cando no seu programa de eventos teñen tamén cabida este tipo de iniciativas solidarias. Desde aquí non podo máis que animar a todos os deportistas a sumarse ao evento e a toda a xente a vir gozar del a Baiona”

Santos Héctor Rodríguez, deputado provincial

“O Vertiatlón Solidario ten forma de tríatlon sprint, con 750 metros a nado, case 20 quilómetros en bicicleta e 5 quilómetros de carreira. É unha proba moi bonita non só polas características da mesma senón polo escenario no que se desenvolve, sempre á beira do mar”

Enríque Hernández, delegado da FEGATRI en Pontevedra

“A filosofía do Monte Real Club de Yates encaixa moi ben coa nosa no sentido de que tratamos de xerar unha corrente de traballo cara á sustentabilidade. E este Vertiatlón non só encaixa neste sentido, senón que é tamén unha gran iniciativa a nivel social, ao implicar a un gran número de deportistas e persoas, institucións e firmas diferentes traballando xuntas por un mesmo fin”

María Troncoso, responsable de márketing de Coca Cola European Partners

Anuncios