O PP de Baiona denuncia que o talaso natural permanece pechado “polo deixamento do alcalde”

O Partido Popular de Baiona lembra que xa pasaron 15 días desde que o Alcalde, Carlos Gómez, anunciase que estaban a estudar alternativas disuasorias para que funcione o talaso natural situado na antiga cetaria de Monte Boi. “O certo é que levamos un mes sen que funcionen ningún dos catro chorros existentes, o que dá a entender o pouco interese ou o total deixamento municipal, e máis cando queda un mes para terminar a tempada”. Os populares lembran que o prego de condicións do concurso establece que o talaso estará operativo de 6 a 7 meses ao ano para posteriormente desmontar parte da súa estrutura e evitar posibles danos nos meses climatolóxicamente máis adversos, e restablecer a súa operatividade cara á próxima primavera.

“Os veciños de Baiona non entenden que se atrase tanto o seu funcionamento podendo estar a gozar do seu servizo. Independentemente de que se danaron os pulsadores que accionan o sistema, estes pódense repoñer e volver restablecer o funcionamento tan sinxelo como adecuar de modo provisional o sistema en modo fixo e continuo, independente dos pulsadores, por exemplo activar dous chorros uno de presión e outro máis suave de cortina e que estes funcionen ás horas de maior afluencia de forma continuada, xa que o sistema permite a programación que se desexe, sen necesidade de pulsadores. Deste xeito o goberno que preside o Sr. Gómez tería máis tempo e calma para seguir estudando durante o inverno as alternativas definitivas e non manter pechado o talaso natural”, engaden desde o PP.

Desde o Partido Popular de Baiona denuncian unha vez máis a pouca sensibilidade co patrimonio, o deixamento e a falta de resolución aos problemas, neste caso cunha obra que aínda non cumpriu o ano e que é todo un referente por ser a única instalación de tipo talaso municipal e gratuíta nun enclave privilexiado como é a pé do recinto amurallado de Monte Real e coas illas Cíes ao fondo.

Anuncios