Vitoria para o Gondomar no derbi ante o Chaín na primeira xornada de liga

Importante vitoria a cultivada na tarde de onte polo Gondomar CF, no estreo na categoría ante un dos favoritos para acadar o ascenso, o CCD Chaín. O partido tiña un condicionante especial, pois tamén supoñía o primeiro dos derbis nas Gaiandas, ante outro equipo do Concello, o que facía da cita unha xornada histórica que non se quixeron perder siareiros dos dous conxuntos.

O encontro comezou cos de Víctor Santos moi ben plantados sobre o céspede, que en perfectas condicións permitiu unha moi boa práctica. A solvencia defensiva e o xogo posicional permitiron que o equipo se estirase e gozase de boas oportunidades para poder abrir o marcador. Estaban sendo superiores e Carlos Díaz fixo xustiza aos quince minutos, ao rematar cun gran testarazo un balón parado establecendo o un a cero no luminoso. O Chaín competía ben e cun xogo moi duro pronto chegaron as tarxetas. Os do Gondomar seguían moi serios e Rafa Pérez ampliou diferenzas no marcador. A partires de aí o rival veuse arriba e estirouse, merecendo máis premio do que cultivaron na primeira metade. Pese a iso, e cando mellor estaban os visitantes, Sergio Ramilo puxo o 3-0 co que se chegou ao tempo de lecer.

Despois de pasar por vestiarios, unha segunda xogada nun saque dende o curruncho levou ao equipo de Álex Cuesta a recortar diferenzas e poñer o tres a un no marcador. Facíase mínima xustiza. Unha xogada fortuíta levou a Brais Pazos a saír en ambulancia cara ó Concheiro, tras ter unha brecha na que lle puxeron cinco puntos e tras recibir unha dura entrada na tibia tamén. Os locais seguiron pelexando e aguantando, pero o Chaín estaba mellor e Raúl achegou o 3-2 definitivo para os seus. Ben certo é que os do Gondomar puideron á contra marcar o 4-1 ou o 4-2, en diferentes accións de Rafa, Mario ou Antón Cabado. Se ben o marcador non se movería e os tres puntos quedarían na casa. A próxima semana o Gondomar desprázase ao campo dun dos favoritos á liga, como é a UD Mos.

FICHA TÉCNICA

Gondomar CF: Pablo Míguez, Rafa Pérez, Romero, Pablo Ozores, Javichu, Carlos Díaz, Sergio Ramilo, David Bas, Mario, Kevin e Brais Pazos. Tamén xogaron Álex Oya e Antón Cabado.

CCD Chaín: Gabriel, Seydu, Sergio Varela, Pablo, Barroso, Raúl, Jose, Veloso, Poza, Dani e Sergio. Tamén xogaron Cousido, Adrián, Edgar e Borja.

Árbitro: Miguel Ángel Pérez Torres, do colexio de Vigo.

Goles: 1-0 Carlos Díaz 15´, 2-0 Rafa Pérez 21´, 3-0 Sergio Ramilo 43´, 3-1 Sergio 50´e 3-2 Raúl 69´.

Incidencias: Partido disputado no campo de As Gaiandas, con boa entrada para o inicio de liga, no derbi entre dous equipos do Concello de Gondomar.

Anuncios