Preto de 400 corredores participaron este domingo na Marcha Cicloturista Concello de Gondomar, organizada polo Club Ciclista Gondomar, que celebra o seu 25 aniversario, e a Concellería de Deportes. O roteiro, que cumpriu vinte anos, contou este ano con dous padriños de excepción, os campións Miguel Indurain e Aída García.
Pasadas as 9:30 da mañá o pelotón partía desde a Praza da Paradela, fronte ao Concello de Gondomar, para completar un percorrido de 100 quilómetros por diferentes puntos das comarcas do Val Miñor e Baixo Miño. Tras o pistoletazo de saída, a cargo do alcalde, Paco Ferreira, e a edil de Deportes, Nuria Lameiro, o pelotón partiu cara a Baiona para dirixirse a Oia, San Xián, O Rosal, A Guarda, Tui, Monte Aloia e regresar a Gondomar pasando por Chaín e Vincios, circulando en pelotón salvo en San Xián e o Monte Aloia que foron tramos libres.
Unha vez finalizada a proba os participantes puideron gozar duns petiscos. Para pechar a xornada, o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, a concelleira de Deportes, Nuria Lameiro, o presidente do Club Ciclista Gondomar, Roberto Valverde, e os padriños, Miguel Indurain e Aída García, foron os encargados de facer entrega dos trofeos aos corredores premiados nesta XX edición. Subiron ao podio o club máis numeroso, o club de procedencia máis afastada, o participante máis maior e o máis novo (categoría feminina e masculina) e os tres primeiros clasificados nos tramos libres en ambas as dúas categorías.
Así mesmo realizouse unha pequena homenaxe aos 17 fundadores do Club Ciclista Gondomar, creadores desta iniciativa, e que cumpren as súas vodas de ouro como organización deportiva este ano 2019. Foron recoñecidos José Casás (primeiro presidente do club), Constante Cabaco, Antonio Amorín, José Casás (fillo), Manuel Rodríguez (Pancho), Modesto Pérez Fernández (segundo presidente do club), Jose Luis Valverde (terceiro presidente do club), Nemesio González, Florentino Costas Gracias, Antonio Cabaco, Onésimo Iglesias, Juan Lijó, Manuel Quintas, Bernardo Gallego, Fernando Figueroa e Cecilio Pazos Espada.
Trofeos 3 primeiros en chegar do tramo libre Tebra-Monte Aloia:
1º Roberto Mediero
2º David Vidal
3º Cristian Simón
1ª María Cazorla
2ª Gema Barreiro
3ª María Herrera
Trofeo ao club máis numeroso:
CC Illas Cíes-Hugos (Vigo)
Trofeo ao club máis afastado:
CC Riazor (A Coruña)
Trofeo ao ciclista masculino de maior idade:
Francisco Crespo Paz
Trofeo ao ciclista masculino de menor idade:
Javier Fernández Pérez
Trofeo á ciclista feminina de maior idade:
Sandra Santodomingo
Trofeo á ciclista feminina de menor idade:
María Guerrera Moreno

