Sin categoría

Baiona inicia a redacción do seu Plan de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais

Baiona ponse ao choio para a creación dun plan de prevención e emerxencias contra incendios, despois de que o pasado xoves a Xunta de Galicia decretase a alerta vermella debido ás altas temperaturas rexistradas estes días. O alcalde Carlos Gómez explicou que o pasado venres se reuniron con representantes da Policía Local e Garda Civil co fin de esbozar un plan de actuación que terá como obxectivo a previsión de sucesos como os acontecidos en outubro de 2017 e que deu como resultado a obrigación de crear un protocolo específico en todos os concellos de Galicia.

Polo momento crearán un punto de encontro en que estarán representados os portavoces dos diferentes grupos políticos, Corpos e Forzas de Seguridade locais, Ges Val Miñor, Protección Civil e Comunidades de Montes para xestionar ao persoal se fose necesario. “Como non contamos co plan de emerxencia obrigatorio, decidimos adiantarnos aos posibles acontecementos desta maneira”, aclarou Gómez que ao mesmo tempo aproveitou para adiantar que o documento esixido pola Xunta estará rematado a finais do presente ano.

Mentres tanto e polo momento efectivos da Policía Municipal e do Instituto Armado, así como representantes das Comunidades de Montes intensificarán a vixilancia nas zonas forestais, mesmo coa creación de patrullas de voluntarios do mesmo xeito que levou a cabo Gondomar en 2017.