A acometida eléctrica do novo centro de saúde de Gondomar estará lista a próxima semana

O alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, reuniuse o pasado xoves co representante provincial de Unión Fenosa, Francisco Ramos, para abordar cuestións relevantes para o municipio. Segundo informou o propio rexedor, un dos temas tratados foi a acometida eléctrica do novo centro de saúde, que estará lista a próxima semana.

Ferreira aproveitou ademais para solicitar que se axilice a retirada dos postes que dificultan a finalización da senda peonil e ciclista na PO-340, “obra que acumula un importante atraso por esta cuestión e que, polo momento, non parece que logren resolvela desde a administración galega”, sinalou o alcalde, quen confía en que se atenda esta petición “pola relevancia que a mellora de infraestruturas ten para Gondomar e toda a comarca”.

Por último, Ferreira expúxolle a necesidade de que Fenosa retire canto antes o cableado eléctrico das fachadas dos edificios así como os báculos de tendido eléctrico que invaden zonas públicas.