
O Monte Real Club de Yates entregou esta noite en Baiona os Premios Nacionais de Vela Terras Gauda. A gala, enmarcada no 34º Trofeo Príncipe de Asturias, contou coa asistencia de José María Fonseca Moretón, presidente de Terras Gauda; José Ramón Lete, secretario xeral para o Deporte; Santos Héctor, deputado provincial; Carlos Gómez, alcalde de Baiona; Pilar de Sas; Gabriel González Eiroa, director comercial de ABANCA; Ignacio Cuarteto, comandante director da ENM, e o presidente do MRCYB, José Luis Álvarez.
O encargado de abrir o acto foi o presidente do Monte Real, quen aproveitou a súa intervención para felicitar a todos e cada un dos premiados e agradecer o apoio de Terras Gauda, así como tamén de todos os patrocinadores que fixeron posible, un ano máis, o Príncipe de Asturias. Tras Álvarez, José María Fonseca sucedeulle ao micrófono para dar paso despois á entrega de galardóns.
Os premiados nesta vixésimo sétima edición dos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda foron o Estrella Damm como mellor barco ORC; Bribón Movistar co premio ao mellor barco; Diego Botín e Iago López Marra, equipo olímpico do ano; Martín Wizner e Pedro Ameneiro, mellor equipo xuvenil do 2018; o J70 Marnatura, mellor monotipo do ano; Violeta del Reino, mellor regatista; Nauta 360 co premio Mariano Augado de comunicación e o Galicia 93 Pescanova como mellor proxecto deportivo, no ano no que se cumpre o vixésimo quinto aniversario do seu podio na Volta ao Mundo de Vela.
Foron precisamente o Galicia 93 Pescanova e o Bribón Movistar os grandes protagonistas da entrega de premios. Nava Castro, directora de Turismo da comunidade galega foi a encargada de recoller o galardón do Galicia 93 en representación da aposta que no seu día fixo a Xunta de Galicia para promocionar e facer realidade o podio do barco ao que todos coñeceron como “peixe voador”. Pola súa banda, toda a tripulación do Rei Don Juan Carlos, que finalmente non puido asistir a recoller o premio, subiuse ao escenario para recoller o premio dos 6 metros Bribón Movistar como mellor barco do ano.