Nigrán amplía a atención a persoas con Alzheimer a través dun programa de novas tecnoloxías

O alcalde de Nigrán, Juan González, e o Presidente de Afaga Alzheimer, Juan Carlos Rodríguez, mantiveron este venres unha reunión no Concello na que se revisou e avaliou o programa de atención a persoas con demencias que se desenvolve na localidade.

O Concello de Nigrán acordou co representante de AFAGA en reforzar a calidade do programa municipal de atención a persoas con Alzheimer iniciado no 2016 dotándoo dun programa de novas tecnoloxías e novos equipamentos tecnolóxicos para o seu uso terapéutico. Así, novos usuarios poderán beneficiarse da Sala Snoezelen ou sala de estimulación e do software Gradior de rehabilitación neuropsicolóxica na que o Concello ten investido 17.155 €.

“O centro de Alzheimer de Panxón xestionado por AFAGA é xa un referente na atención das persoas con demencias. Dende 2017 son 12 as persoas, dous días á semana, que se benefician deste servizo. Coa posta en marcha deste programa ampliarase un día máis a asistencia e duplicarase o número de usuarios”, sinala o alcalde, Juan González.

Deste xeito, o Concello complementa e amplía o rango de atención que xa se viña prestando a través das novas tecnoloxías e de terapias vangardistas, que inicialmente se tiñan aplicado en discapacidade e que nos últimos anos se extenderon ao Alzheimer.

Ademáis do Centro referente de Panxón, o Concello de Nigrán quere descentralizar os seus programas con AFAGA nas parroquias máis alonxadas dos centros urbanos e por elo iniciarán de xeito inmediato un programa de prevención ao deterioro e envellecemento activo en Chandebrito que, si ten boa acollida entre as persoas maiores, implantarán noutras parroquias como Parada ou Camos.

“Cos dous días de atención xa dende hai 3 anos no Centro de Alzehimer de Panxón, que agora se amplía a tres con este novo programa, co inicio da nova actividade en Chandebrito e cos xa implantados Cursos de Memoria para 3ª Idade na Ramallosa e Ximnasia para Maiores en Vilameán, Nigrán ratifica o seu compromiso coas persoas maiores e con aquelas que sufren Alzheimer e outras demencias”, declara Juan González.

Sala Snoezelen

A sala consta de asento, tubo de burbullas, espellos, un mazo de 100 fibras ópticas de 2 metros con fonte de luz, botoeira de control, pack multisensorial, caixa de 12 esencias de aromas en po, serpe vibrante, lanterna de luz UV con luvas fosforescentes, proxector Aura con disco de efectos gráficos, caixa de tacto e miniespellos foam.

En xeriatría, a Sala Snoezelen ou sala de estimulación adquire un papel protagonista como terapia en casos de Alzhéimer ou demencia neurodexenerativa, porque en todos eles existe unha dificultade por parte da persoa para percibir, comprender ou controlar as habilidades psicomotrices, aspectos que pode mellorar a estimulación sensorial, xa que está estreitamente relacionada co desenvolvemento da actividade cerebral e dos procesos cognitivos.

A demencia, en todas as súas variantes, provoca a alteración das capacidades cognitivas, conductuais e emocionais e a estimulación sensorial permite abordar estes tres aspectos. Se debe ter en conta que cando a demencia ou o Alzheimer alcanzaron un certo nivel é moi difícil para o paciente comprender a súa contorna e comunicarse. Por iso, estímulos tan básicos como un cambio de cor, unha imaxe ou unha luz en movemento poden axudar a que esta persoa decida que é o que prefire desta contorna. Esta posibilidade de elección mellora a súa confianza, o autocontrol, a concentración e establece un punto de comunicación.

Dependendo da fase da enfermidade na que se atopen, os obxectivos concretos e as formas de traballo pertinentes da Sala Snoezelen varían:

• Na fase inicial (de diagnóstico), preténdese reducir a tensión e mellorar a autoestima e o estado de ánimo mediante estímulos sensoriais. Cobra especial importancia aquí a musicoterapia para evocar recordos e experiencias propias do paciente.

• Na fase intermedia, téntanse reducir os comportamentos inadecuados e aumentar a concentración. Estimúlanse os sentidos con luces, sons e sabores, sen esquecer as preferencias de cada usuario.

• Na fase severa, poténciase a estimulación para mellorar a calidade de vida, reducir a dor e inducir á relaxación para evitar a tensión, sen deixar de levar a cabo o anteriormente descrito.

En canto ao sotfware Gradior, é un sistema de rehabilitación neuropsicolóxica a través de ordenador que permite realizar programas de adestramento e recuperación de funcións cognitivas superiores (atención, memoria, orientación…) en persoas que presentan déficits ou deterioros cognitivos. Unha pantalla táctil permite a interacción directa do usuario co computador, evitando así o rexeitamento da poboación maior ao facer o sistema máis intuitivo e accesible.

Os pacientes fan operacións en todas as áreas: cálculo, problemas aritméticos, discriminación visual, atención selectiva, atención sostida, percepción visual gráfica, por cores e tamaños, memoria verbal, memoria gráfica, entre outros. Todas as actividades contan con varios niveis e o sistema recoñece os acertos e erros, polo que segundo avanza o paciente a dificuldade aumenta.