Investigan a unha veciña de Nigrán polo furto dunhas xoias en casa da súa sogra

A Garda Civil investiga penalmente a unha veciña de Nigrán polo furto dun lote de xoias que supostamente subtraería no domicilio da súa sogra.

As investigacións, levadas a cabo por efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán, iniciáronse por mor da denuncia que presentou a propietaria pola subtracción das xoias que gardaba no seu domicilio, de cuxo relato xa se desprendía a posibilidade de que o autor podería estar relacionado co ámbito familiar máis próximo.

As pescudas concluíron cando a propietaria decátase de que as xoias foran vendidas por preto de 2.500 euros nunha xoiería do mesmo municipio, onde foron recuperadas na súa totalidade.

Finalmente procedeuse á identificación da persoa que vendera as xoias, que resultou ser a nora da denunciante, unha moza de 30 anos, con antecedentes policiais, que vive noutra vivenda do mesmo bloque.

As dilixencias instruídas por un presunto delito de furto entregáronse no Xulgado de Instrución de garda de Vigo onde deberá comparecer a presunta autora do furto cando sexa citada.

Anuncios