A Asociación Folclórica Airiños da Lagoa organiza este sábado, 7 de setembro, o XXIII Festival Folclórico para conmemorar un ano máis o aniversario do grupo fundado en Baíña fai xa máis de dúas décadas. Ademais de Airiños da Lagoa, anfitrións todos os anos deste encontro de grupos de música tradicional, participarán nesta edición as agrupacións folclóricas A Ponte Vella de Teo (baile e música tradicional), Lagharteiras de Mos (pandereteiras) e Traspés de Vigo (baile e música tradicional). O evento, que comezará ás 22:00 horas na Praza do Concello de Baiona, conta coa colaboración do Concello e a Deputación de Pontevedra e está incluído na programación cultural e de lecer “Baiverán 2019”. En caso de mal tempo será no Auditorio V Centenario.
Airiños da Lagoa celebra o seu XXIII Festival Folclórico

