A Garda Civil detén a un “percebeiro” furtivo faenando na costa de Baiona

A Garda Civil do Posto Principal de Baiona-Nigrán, procedeu esta mañá á detención dun veciño de Vigo, moi coñecido no sur da provincia pola súa reiterada actividade delituosa no marisqueo furtivo.

Os amplos antecedentes desta persoa, que practicamente facía do furtivismo o seu modo de vida, e os constantes enfrontamentos que viña sostendo cos vixiantes da Confraría de Baiona, que en máis dunha ocasión sufriron agresións físicas e danos nos vehículos, deu lugar á apertura da denominada operación “Rasqueta”.

No marco desta operación e dentro dun amplo dispositivo de vixilancia sobre a costa que se estableceu esta madrugada, puido ser detectado cando estaba a extraer percebes na zona do Rompeolas de Baiona e detido, instantes despois cando saía da praia con 13 quilos de percebes, unha rasqueta e unha lanterna.

Esperábao en terra un vehículo de apoio, conducido por un veciño de Baiona, que momentos antes conseguira saír cunha bolsa, con outros 15 quilos, que tamén foron requisados.

A operativa policial concluíu coa detención deste mariscador furtivo, ao que se lle acusa dun presunto delito contra a protección da flora e fauna pola extracción continuada de percebe en zonas vedadas, sen licenza e sen tallas mínimas, ocasionando un grave prexuízo nas zonas de explotación.

Así mesmo, atribúenselle a esta persoa, de 43 anos de idade, varios delitos de ameazas aos vixiantes de pesca no exercicio das súas funcións e danos materiais de consideración nos seus vehículos.

Pola súa banda, o veciño de Baiona que prestaba o seu apoio transportado os percebes no seu vehículo, que tamén foi intervido, foi notificado da súa condición penal de investigado como colaborador no primeiro dos delitos.

Con esta operación púxose ao dispor da autoridade xudicial un mariscador furtivo que viña dedicando habitualmente á captura de percebes no litoral costeiro do sur da provincia, sen licenza, sen respectar as vedade, tamaños nin cantidades, ocasionando serios prexuízos económicos como así determina o informe do Técnico Superior de Acuicultura da Confraría de Pescadores de Baiona.

O detido foi posto esta mañá ao dispor do Xulgado de Instrución de garda de Vigo que decretou a súa liberdade, coa obrigación de comparecer cada quince días no Xulgado.

Anuncios