Esta mañá na Avda. Julián Valverde, en Sabarís, tivo lugar a presentación da segunda edición do rastro familiar “Mercadiyo”, festa da reciclaxe. Un bonito evento que ten por slogan “o que a ti che sobra, outros o necesitan” no que ao redor de 60 participantes expoñerán nos seus postos todo aquilo que se adoita gardar no rocho.
Entre os tesouros que se poderán descubrir este domingo, 8 de setembro, na Avenida Julián Valverde de Sabarís, están pezas de roupa, accesorios, aveños domésticos, obxectos persoais… que se teñen por casa e xa non se utilizan, pero poden ter unha segunda vida en mans doutra persoa.
Para a celebración desta segunda edición contan coa colaboración da Deputación de Pontevedra e do Concello de Baiona, que acolleu con gran entusiasmo o evento organizado pola Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (OVALMI) e a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sabarís (COEMSA).
Desde as 11:00 ata as 21:00 horas unha infinidade de actividades encherá a rúa. Instalaranse catro escenarios ao longo da avenida e cada un deles acollerá unha actividade. Os materiais reciclados, a repostería e a música serán os tres alicerces sobre os que se sustentarán as actividades. Poderase gozar de talleres con materiais reciclados, obradoiros de repostería, música, concertos…
Este ano o Mercadiyo vira en torno a diferentes culturas, “4 escenarios… 4 culturas”. Buscan mostrar a gran diversidade cultural que nos rodea, polo que animan a quen desexe participar neste encontro intercultural, póñase en contacto con OVALMI.
O vindeiro domingo poderase gozar dunha bonita xornada de ambiente familiar e educativo na que os máis pequenos e os mozos poderanse concienciar da prolongación da vida útil das cousas, unha práctica que un tempo pasado era bastante común e que cada vez está máis en desuso.

