Baiona convoca ás mellores tripulacións no 34º Trofeo Príncipe de Asturias

Baiona reunirá a partir do próximo venres a algunhas das mellores tripulacións do panorama náutico español no 34º Trofeo Príncipe de Asturias que o Monte Real Club de Yates e a Escola Naval Militar organizan un ano máis co patrocinio de ABANCA.

Durante os tres días que se prolongará a competición, a vila mariñeira galega será epicentro de varias regatas nas que, a falta de que se peche o prazo de inscrición, se prevé que participen uns 80 barcos, que reunirán nas Rías Baixas a máis de 500 regatistas de toda a península.

Entre eles veremos ao rei Juan Carlos que, recuperado da súa recente operación de corazón, inscribiuse para competir na clase 6 metros a bordo do Bribón 500 Movistar coa súa tripulación habitual, na que volverá ter como man dereita ao galego Pedro Campos.

Os 6 metros, agrupados nas clases Infititus Rent e 6m Fórmula, conformarán dúas das 12 categorías coas que contará esta nova edición do Trofeo Príncipe de Asturias, unha das máis numerosas ata o momento en canto a clases refírese, cun amplo abanico de embarcacións.

Haberá unha clase Martin Miller ORC 0-1, Aceites Abril ORC 2, Gadis ORC 3, Volvo Autesa ORC 4, SH Robotic ORC 5, Engels & Volkers ORC Open e ORC Open Extra. Na clase STORAX clásicos volverán navegar algúns dos espectaculares veleiros da Agabace, a Asociación galega de barcos clásicos e de época; e xunto cos 6 metros, tamén participarán outros dous monotipos: a clase Solventis J80 e os Fígaro Beneteau.

A estes últimos verémolos na ¡HOLA! Ladies Cup, a competición de mulleres incluída no marco do trofeo na que cada mes de setembro, desde hai 22 anos, mídense as súas forzas 36 regatistas chegadas de diferentes puntos de España e Portugal. 36 mulleres divididas en 6 tripulacións a bordo de 6 barcos idénticos que protagonizan un dos apartados máis atractivos do Príncipe de Asturias.

Un Trofeo Príncipe de Asturias que, ademais de feminista, aposta pola inclusión e pola mocidade. Na clase Open participará un barco, o AXA Seguros, no que, grazas ao apoio da aseguradora e da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, navegarán alumnos con diversidade funcional da Escola de Vela Adaptada do Monte Real. E este ano ademais, como novidade, a clase 6 metros ofrece a posibilidade ás tripulacións de levar a bordo, como convidado, a un menor de 15 anos ou menos, nunha clara aposta polo futuro na vela das novas xeracións.

Con estas características, o Trofeo Príncipe de Asturias levantará o pano o vindeiro venres en Baiona para poñer en escena tres xornadas deportivas e festivas cun completo programa que alternará regatas con almorzos, ceas, festas e fogos artificiais.

O venres, na xornada inaugural, sairán á auga os grandes barcos agrupados nas clases ORC 0, 1, 2 e 3; os J80 e as mozas da ¡HOLA! Ladies Cup. Será a partir das tres da tarde. Previamente, no village do trofeo situado nos xardíns do Monte Real, Onda Cero Vigo realizará varias horas de programa en directo. E pola noite, unha vez finalicen as regatas, cea mariñeira para os participantes.

O sábado a xornada comezará ao mediodía, con bocinazo para todas as clases ás doce. A competición desenvolverase en diferentes campos de regata, tanto no interior da baía de Baiona como noutros puntos da ría de Vigo, e pola noite celebrarase a gala dos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda.

Ademais do Bribón Movistar do rei Juan Carlos, como mellor barco; recibirán os prestixiosos galardóns o Estrella Damm ao mellor barco ORC; o tándem cántabro-galego formado por Diego Botín e Iago López Marra ao mellor equipo olímpico do ano; Martín Wizner e Pedro Ameneiro ao mellor equipo xuvenil do ano; o Marnatura ao mellor monotipo; Violeta del Reino á mellor regatista e Nauta 360 o Premio Mariano Augado de Comunicación. Entregarase, ademais, un premio especial ao mellor proxecto deportivo ao Galicia 93 Pescanova, no ano no que se cumpren 25 anos do seu podio na Volta ao Mundo de vela.

Tras a gala dos Premios Nacionais de Vela, a posterior cea, fogos artificiais e festa; as tripulacións prepararanse para a última xornada, que se celebrará o domingo a partir das doce do mediodía. Serán as probas definitivas para deseñar os podios de gañadores e definir uns premios que se entregarán ese mesmo día pola tarde, a partir das seis no Monte Real Club de Yates.

Finalizará así a 34ª edición do Trofeo Príncipe de Asturias, organizado polo Monte Real Club de Yates e a Escola Naval Militar, co patrocinio de ABANCA, o apoio da Real Federación Española de Vela, a colaboración institucional da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Baiona.

A presentación oficial do 34º Trofeo Príncipe de Asturias, celebrada esta mañá en Baiona, estivo presidida polo presidente do Monte Real Club de Yates, José Luis Álvarez; e o comandante director da Escola Naval Militar, Ignacio Cuartero; como coorganizadores do trofeo. Acompañáronlles en representación dos patrocinadores o director da rede comercial de ABANCA, Gabriel González; e o director xeral de Adegas Terras Gauda, Enrique Costas. O alcalde de Baiona, Carlos Gómez; o deputado da Deputación de Pontevedra, Santos Héctor Rodríguez; e a delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Corina Porro, completaron a lista de autoridades asistentes.

O presidente do Monte Real Club de Yates, José Luis Álvarez, abriu o acto lembrando que “o Trofeo Príncipe de Asturias cumpre trinta e catro anos de vida e segue destacando por unir ámbitos moi diferentes. O deporte, por suposto, pero tamén o turismo, a natureza, o lecer, a economía, o feminismo, a inclusión social… e é precisamente por esta confluencia de sinerxias polo que estamos tan orgullosos de poder celebrala de man da Escola Naval Militar”.

Pola súa banda, Ignacio Cuartero, comandante director da Escola Naval Militar, destacou que “nesta edición participarán 5 buques da armada e unha dotación feminina, formada por alumnas e profesoras da Escola Naval Militar, na ¡HOLA! Ladies Cup. Este é un ano especial porque se conmemora o quinto centenario dunha das maiores xestas da navegación mundial, e as gañadoras desa competición feminina recibirán o Trofeo Juan Sebastián Elcano”.

Para Gabriel González, director da rede comercial de ABANCA, “é un orgullo poder participar, un ano máis, no patrocinio desta proba deportiva, unha das competicións máis notorias da vela. O apoio de ABANCA a esta emblemática competición e a nosa historia de colaboración co Monte Real son claros exemplos do noso compromiso co deporte e o mundo do mar. Fostes pioneiros cando en 1986 embarcástesvos na organización desta proba e o voso tesón e bo traballo permitíronvos chegar ata aquí. Por todo iso, nos sentimos moi honrados por formar parte desta competición”.

O director xeral de Adegas Terras Gauda, Enrique Costas, quixo facer fincapé en que “os Premios Nacionais de Vela Terras Gauda convertéronse nos premios de maior prestixio do sector e a nómina de proxectos e persoas galardoadas achega un gran valor engadido á nosa marca. Son proxectos de esforzo, éxito e constancia, uns valores polos que tamén apostamos en Terras Gauda, por iso é toda unha honra dar nome a estes prestixiosos galardóns”.

Carlos Gómez, alcalde de Baiona, puxo en valor que “o Trofeo Príncipe de Asturias converte a Baiona no centro neurálxico do mundo náutico, coas mellores tripulacións competindo no incomparable das Rías Baixas. Os grandes ideais cos que naceu esta proba mantéñense vivos e os navegantes non só poden gozar aquí da súa paixón pola vela, senón da beleza que a nosa vila mariñeira achega á competición”.

O deputado provincial Santos Héctor Rodríguez sinalou que “para a Deputación de Pontevedra é un evento de máxima importancia porque nós tamén vinculamos o turismo a eventos deportivos de calidade. No noso plan estratéxico así o recollemos e o Trofeo Príncipe de Asturias conta con todos os elementos para poñer a Pontevedra no mapa”.

Finalmente, Corina Porro, Delegada da Xunta de Galicia en Vigo, manifestou que “se hai algo moi importante na celebración do Trofeo Príncipe de Asturias é que logre non só escenificar, senón facer realidade, a colaboración entre o mundo público e privado, a unión de administracións como o Concello, a Deputación e a Xunta de Galicia con empresas tan destacadas como Abanca e Terras Gauda”.

Anuncios