Sin categoría

Dúas accións formativas de “Conectadas” comezarán esta semana en Gondomar e Nigrán

O programa “Conectadas 2019” continuará esta próxima semana co inicio de trinta e cinco accións formativas que serán organizadas en 25 concellos da provincia para un total de 631 mulleres. A iniciativa da Deputación de Pontevedra ten como obxectivo promover a participación e empoderamento de 4.000 mulleres de 53 concellos da provincia mediante a formación. O martes 3 de setembro comezará en Gondomar un curso de “Conservación de Alimentos e conservas artesanais”, ao que asistirán mulleres da Asociación Veciñal Ponte de Mañufe, que ata o 3 de decembro acudirán en horario de 17:00 a 19:30 horas. O mesmo día comezará outros obradoiro de “Pilates” en Nigrán, no que participará a Asociación Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor, que asistirá os martes e xoves ata o 19 de decembro en horario de 19:30 a 20:30 horas.

“Conectadas 2019” trátase dun programa provincial que pon o acento na formación, desenvolvendo cursos e obradoiros sobre distintas cuestións para apoderar ás mulleres e dotalas das ferramentas necesarias para construír unha sociedade igualitaria. Amais, esta iniciativa tamén busca favorecer as relacións interpersoais e intercambio de experiencias, contribuír a mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo, así como reducir a brecha dixital. Este programa está dirixido a asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, o seu desenvolvemento e actuación, o empoderamento feminino e a consecución da igualdade de mulleres e homes.