O grupo “Cantaderas” abre a programación di festival Espazos Sonoros 2019, ciclo promovido pola Xunta de Galicia que celebrará do 1 de setembro ao 6 de outubro a súa duodécima edición, e no que a música, a arquitectura e a paisaxe son protagonistas. Será na Capela de Santa Liberata, na vila de Baiona, este domingo día 1 de setembro ás 20:00 horas.
“Cantaderas” é unha singular formación composta polas cantantes Anne Marie Lablaude, Ana Arnaz, Araceli Fernández González e Paloma Gutiérrez del Arroyo, mulleres cunha ampla traxectoria no mundo da música antiga, que nace coa vocación de poñer en conexión a música vocal da Idade Media con outras procedentes da tradición oral. Tratan así de recuperar uns repertorios que, en grande medida, caeron no esquecemento, e son agora rescatados grazas a un coidadoso estudo dos cancioneiros recollidos a finais do século XIX e comezos do XX e dos rexistros sonoros realizados a partir do primeiro terzo do século XX. O grupo combina este repertorio tradicional con outros medievais, poñendo o acento en determinadas características melódicas, rítmicas, de temperamento e de estilo, comúns a todos eles.
O repertorio escollido para o programa enmárcase nun dos períodos litúrxicos máis importantes do ano, a Semana Santa, e traslada a celebración do milagre da Resurrección, do que nace de novo á vida, a cada recuncho do cotián, a través dunha escolla de cancións populares. Así, combinaranse pezas do século XIII procedentes da chamada Escola de Nôtre Dame, con pezas pertencentes ao repertorio tradicional de Teruel, Burgos ou Salamanca, cancións litúrxicas e paralitúrxicas que eran cantadas polo pobo, creando así un novo e enriquecedor contexto musical.

