O número de cabichas recollidas nos areais de Cíes reduciuse un 85% na última década

As campañas de concienciación e as accións de voluntariado ambiental desenvolvidas na presente década nas Cíes contribuíron a reducir nun 85% o número de cabichas depositadas nos principais areais da illa. Así, se nos anos 2010-12 se recollían máis de 50.000 cabichas nas praias de Rodas, Figueiras e Nosa Señora, o ano pasado a cifra descendeu ata as 7.500.

Segundo os datos recompilados polos responsables do campo de traballo internacional Cíes Workcamp, organizado pola Consellería de Política Social en colaboración co Parque durante os meses de verán, os voluntarios despregados en Cíes levan recollidas no que vai de campaña 1.800 cabichas, unha tendencia que, de manterse, suporía un novo descenso en canto á presenza na illa destes elementos, que supoñen unha ameaza para a biodiversidade e a riqueza natural que caracterizan a este arquipélago

Cómpre lembrar que o filtro dun cigarro está composto basicamente por acetato de celulosa, un material plástico que se obtén ao modificar a estrutura orixinal da celulosa e que tarda en descompoñerse entre oito e doce anos. É un desperdicio tóxico fotodegradable pero non biodegradable: é dicir, aínda que o sol esmiuce o filtro en pequenas fibras, o material fonte nunca desaparece.

O Parque Nacional das Illas Atlánticas foi pioneiro na loita contra a acumulación de cabichas nas praias e no impulso de numerosas campañas de sensibilización ambiental dirixidas aos visitantes. Así, nos últimos anos vestiuse aos voluntarios de “incómodas” cabichas, fixéronse murais a partir destes residuos para visibilizar a necesidade de erradicalos dos areais e na actualidade, o punto de información das Illas Cíes ten exposto un colillómetro que contabiliza as cabichas atopadas cada ano nas praias de Rodas, Figueiras e Nosa Señora.

En todo caso, non só se recolleron restos de tabaco das praias senón que ao longo desta última década tamén se fixeron campañas de voluntariado para que os visitantes non deixen lixo en xeral no parque e contribúan deste xeito a manter e conservar a riqueza natural que atesoura este espazo.

A efectividade destas políticas de concienciación canalizadas a través do traballo do voluntariado queda demostrada na drástica redución da presenza de cabichas nas praias de Cíes, polo que o Parque Nacional segue a apostar por esta vía para afrontar outros problemas medioambientais. É o caso da chegada de residuos plásticos ás illas procedentes da actividade humana, un tipo de lixo que centra a última campaña de recollida, caracterización e información protagonizada polos mozos voluntarios do Cíes WorkCamp.

Campaña de limpeza con Bata en Cortegada

Así mesmo, tamén a illa de Cortegada foi obxecto dunha campaña de limpeza de plásticos e outros desperdicios nas últimas semanas. Membros do grupo Bata de Vilagarcía, unha asociación que traballa a prol da inclusión das persoas con trastorno do espectro autista, despregáronse pola illa para realizar batidas de limpeza e recollida de residuos no tramo que vai desde A Ermita ata Punta Fadriño.

Grazas aos traballos de mantemento contratados a Bata polo Parque Nacional, retiráronse de Cortegada un total de 546 quilogramos de lixo, principalmente útiles de cultivo do mexillón, plásticos ríxidos, e madeira manufacturada. Estes tres materiais, segundo a caracterización posterior realizada polo equipo de recollida, representan case a metade de todos os elementos retirados da illa.

Séguenlles en número os restos de bolsas de plástico e outros elementos non identificables; cabiños, cordas e cordeis tamén de plástico de pequeno tamaño; as bolsas de patacas fritas e outros envoltorios de comida; anacos de vidro; espumas sintéticas; bastonciños de algodón; botellas de plástico e tapóns, entre outros.

Anuncios