Baiona paraliza cautelarmente a ampliación da senda fluvial de Baredo

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Estado actual das obras no regato Das Tres Regueiras, Baredo.

Baiona paraliza de maneira cautelar a execución da segunda fase do proxecto do paseo fluvial de Baredo, tras detectar que parte do seu trazado discorre por parcelas privadas e que segundo fontes municipais afecta polo menos a unha quincena de veciños da parroquia baionesa. O alcalde Carlos Gómez explicou que polo momento os traballos están parados á espera de atopar unha solución ao problema que beneficie a ambas as dúas partes, xa que de non ser así se verían na obrigación de ter que suspender de maneira permanente as actuacións. O alcalde asegurou que en caso de non chegar a un entendemento as consecuencias pasarían pola perda da subvención outorgada pola Deputación, ademais da necesidade de indemnizar á empresa encargada da execución do proxecto, U.T.E. Baredo, con fondos provenientes das arcas municipais.

Ata o momento o rexedor mantivo dúas reunións co colectivo afectado nas que resaltou “un bo clima de entendemento e boa sintonía” co que espera que a resolución do conflito se leve a cabo de maneira favorable. “As présas por iniciar o proxecto en período electoral xa están a ter consecuencias. Expoñémonos á posibilidade de perder a nada desdeñable cifra de 118.000 euros”, explicou. Así mesmo Gómez cualificou de irresponsabilidade a maneira de proceder do anterior goberno deixando entrever que “os traballos atendían a intereses propios e electoralistas”. Para finalizar, o alcalde agradeceu a comprensión mostrada polos afectados e pediu desculpas polos prexuízos que lles puidese ocasionar. “Este goberno está para atender os intereses dos veciños e o último que faremos será tomar decisións unilaterais para velar polos nosos beneficios”, finalizou.

Os traballos

Anunciados a mediados do mes de maio contemplan unha ampliación do primeiro tramo do paseo de 750 metros de longo e que en total alcanzarían os 1250 metros. Trátase dunha pasarela construída integramente en madeira e pilotada a ambas as dúas marxes do Regato das Tres Regueiras. As actuacións encargadas á UTE Baredo, integrada polas entidades mercantís Ecogarden Galicia, S.L. e Excavaciones y Construcciones Laureano Covelo, S.A, contemplan un trazado integrado na natureza que culmina en La Torre de 1,5 metros de ancho e no que se inclúe a instalación de mobiliario urbano acorde coas características do paseo. O prazo de execución anunciado polo anterior goberno foi de mes e medio, aínda que polo momento están paralizadas.

Anuncios