Música caboverdiana de Batuko Tabanka para promover a interculturalidade en Nigrán

O Concello de Nigrán, dentro da súa programación especial de verán, ofrece este domingo 24 de agosto ás 19:00 na Praza Mogimes ao carón do porto de Panxón a actuación do grupo Batuko Tabanka, integrado por mulleres de orixe caboverdiana afincadas na Mariña lucense. A emigración, a identidade ou a situación da muller son algunhas das cuestións que centran os temas de Batuko Tabanka, que vai intercalando entre eles breves explicacións. O grupo reivindica a música tradicional de Cabo Verde ao tempo que difunde a súa cultura entre a sociedade galega, visibilizándoa e favorecendo actitudes de respecto cara a poboación migrante. Así o fan mentres baten con forza e alegría sobre un pano pregado que colocan entre as pernas, o batuko, e mesmo saíndo a bailar nalgunhas cancións.

Anuncios