Gondomar convértese esta fin de semana na capital do Pastor Alemán

O municipio de Gondomar convértese un ano máis no anfitrión da exposición de cría que organiza o Real Club do Can Pastor Alemán (CEPPA) na que este ano se darán cita preto dun centenar de exemplares. O encontro arrancará este venres día 23 de agosto e estenderase durante toda a fin de semana cun amplo programa de actividades e conferencias.

O campo municipal de As Gaiandas converterase un ano máis no escenario das diferentes probas programadas dentro da LXXXII exposición monográfica que organiza o CEPPA, en colaboración co Concello de Gondomar, e que se integra dentro da vintena de probas que desenvolven en toda España ao longo de todo o ano, nas que se emiten máis de 1500 cualificacións.

Nestes encontros non se trata de determinar unicamente a beleza destes exemplares, coñecidos pola súa nobreza, traballo en equipo e intelixencia, senón que buscan tamén avaliar as calidades morfolóxicas e de comportamento dos cans participantes que permitan cualificar a súa validez para a cría.

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, asegura que sempre é un pracer colaborar con este tipo de certames que promoven a defensa e coidado das nosas mascotas, en particular, e dos animais en xeral, ao ser parte da filosofía do goberno que preside a súa defensa e a reprobación daquelas actividades ou accións que implique calquera tipo de violencia ou abuso cara a eles.

Ata Gondomar esta fin de semana desprazaranse competidores procedentes de distintos puntos de Portugal, como Lisboa, Porto ou Guimarães, así como do territorio nacional como é o caso dos participantes de Cádiz, Barcelona, León ou Asturias entre outros. Sen dúbida, non faltará a representación da nosa comunidade autónoma con criadores de Coruña, Lugo, Ponteareas, Porriño ou Gondomar.

Máis de 400 persoas entre participantes e voluntarios participarán neste certame que ademais da competición e exposición dos pastores alemáns completa o seu programa con dúas conferencias a cargo de veterinarios especializados en nutrición do can de deporte, e en dermatoloxía. Ambas se impartirán no Pazo da Escola o vindeiro sábado, e a entrada será libre e gratuíta.