
O talaso natural situado na antiga cetaria de Monte Boi de Baiona atópase baixo mínimos debido ás últimas avarías sufridas tras a súa apertura a principios de verán. Polo momento polo menos dúas da bocas impulsoras das catro coas que está equipada están en funcionamento, aínda que fontes extraoficiais apuntan a que serían tres as que están inutilizadas. O alcalde Carlos Gómez explicou que é coñecedor do estado das instalacións, que levan en funcionamento menos de seis meses desde a súa inauguración, e adiantou que están a traballar en emendar as deficiencias detectadas nos pulsadores e nunha das bombas de impulsión.
Gómez explicou que o estado dos activadores débese a actos vandálicos, xa que un deles foi completamente arrincado do seu emprazamento deixando o cableado ao aire, mentres que os outros dous foron danados con pedras. Ademais trátanse duns mecanismos táctiles que pola súa configuración son moi sensibles e custosos, co que están a barallar a posibilidade de instalar cámaras de videovixilancia como medida disuasoria. “Sabemos que o ideal sería non chegar a este punto pero visto o comportamento dalgunhas persoas consideramos que sería a opción menos mala”, engadiu.
En canto ao sistema de impulsión de auga o alcalde explicou que son catro bombas que funcionan de maneira independente, unha para cada boca e unha delas estragouse. Debido ao seu emprazamento e a natureza dos traballos de reparación deberán de esperar ata o mes de setembro debido á duración das mareas. En canto ao período de apertura do talaso natural, polo momento estará operativo ata o mes de outubro sen descartar modificacións para a próxima tempada.