Aimar & Cía presenta este mércores 21 de agosto en Baiona “Etxea/Casa/Home”, un espectáculo de teatro circo sobre o fogar e a identidade persoal, incluído no ciclo “Baioteatro” do programa cultural e de lecer Baiverán 2019. Será a partir das 21:30 horas nos Xardíns da Casa da Navegación.
Todos os seres humanos necesitamos un espazo que sentir e facer propio, un fogar. En ETXEA / CASA / HOME o protagonista é un estraño personaxe que se enfronta ás súas pantasmas nunha viaxe de crecemento persoal para construír un niño propio.
Unha historia sinxela sobre unha viaxe fantástica, unha homenaxe ao fogar de acollida. Empezar de cero, botar novas raíces, atopar novas realidades, facerse a unha nova contorna. Sentimentos de nostalxia, euforia, calidez… Os conceptos de fogar e identidade da man a partir das técnicas do clown e o mastro chinés.
ETXEA / CASA / HOME é a confluencia das traxectorias vitais e profesionais dos dous membros da compañía, aventureiros que buscaron novas paisaxes e que, co circo contemporáneo como fío condutor, continúan hoxe día na súa particular batalla por atopar a súa identidade vital e artística.
SOBRE O ESPECTÁCULO
ETXEA / CASA / HOME é unha proposta sinxela, case artesanal. Sobre a base dunha escenografía coa madeira como protagonista, deseñouse un espazo acolledor, un auténtico niño de cuxa construción o público será en parte partícipe. Un mastro chinés, creado como estrutura 100% autónoma, é o eixo principal ao redor do cal se desenvolverá a acción. Un só de Diego Aimar, no que se mesturan as técnicas de clown, mastro, acrobacia e equilibrios tecendo unha sutil rede de emocións. O espectáculo é para todos os públicos.

