O “Musigal 2019” da Deputación leva este sábado a Gondomar a Sondeseu

A Praza de San Bieito en Gondomar acollerá este sábado 17 de agosto ás 22:30 horas a actuación de “SonDeSeu” ao abeiro de “Musigal 2019”, o programa da Deputación de Pontevedra vinculado á área de Cultura. “SonDeSeu” é unha das primeiras orquestras europeas de música folk contemporánea. O seu repertorio consta de temas procedentes da tradición oral da música popular de Galicia, arranxados especialmente para a formación polos seus compoñentes e responsables das distintas seccións que abranguen gaitas, percusión, zanfonas, violíns, requintas e frautas de madeira, canto, arpas e corda pulsada.

“Musigal 2019” naceu co obxectivo de favorecer a programación artística por parte dos concellos e diríxese especificamente aos grupos e artistas profesionais de música. Un dos seus obxectivos é a dinamización da lingua galega, en canto que busca favorecer a vivencia positiva no noso idioma e contribuír á posta en valor da lingua galega e ao incremento do seu uso e prestixio, á socialización en galego da infancia e da mocidade e á toma de consciencia sociolingüística da poboación da provincia de Pontevedra. Este 2019 participan no programa da institución provincial máis de 100 grupos e artistas con domicilio social en Pontevedra. Esta segunda edición do programa, que conta cun orzamento de 500.000 euros, incrementou notablemente as solicitudes de inscrición con respecto á primeira edición, que había arrancado con 70 inscritos.

Como o ano pasado neste programa existen seis categorías musicais: “Son muller”, na que poden inscribirse grupos nos que polo menos o 60 % das persoas integrantes e a vocalista sexan mulleres; “Son crianza” para grupos con espectáculos dirixidos ao público infantil e familiar; “Son mocidade” para grupos nos que polo menos o 60 % das persoas integrantes sexan menores de 35 anos; “Son tradición” para grupos de música tradicional galega; “Son clásico” para grupos de música clásica que teñan no seu repertorio composicións de autoras e autores galegos; e “Son actual” para grupos de pop, rock, hip hop e música electrónica.

Anuncios