No CB Nigrán celebran entusiasmados un novo paso de xigante na traxectoria deportiva de Víctor Villadóniga, ex xogador do club nigranés, pois foi chamado para realizar a pretempada co Obradoiro de ACB. O equipo para esta nova tempada 2019/2020 foi presentado ante a prensa e alí realizaron a primeira foto de familia do novo cadro de persoal de Moncho Fernández.
Víctor iniciou a súa vida como xogador de baloncesto nas escolas deportivas de Gondomar para continuar despois en Nigrán en categoría Alevín baixo a dirección de Nuria Gómez como adestradora. Hai 5 anos, momento no que Nuria pasou a formar parte do proxecto deportivo do CB Nigrán, Víctor tomou a decisión de irse con ela formando parte desde entón do persoal do equipo Júnior do club co número 8.
Foi hai agora 3 anos, durante a celebración da clausura da liga Basketgal no Pavillón Municipal de Panxón, onde Pepe Casal interesouse polo xogador de Nigrán e xa no propio pavillón mantivo unha primeira conversación coa directora deportiva do club, Nuria Gómez, e os pais do xogador, para propoñerlles a asistencia de Víctor a un adestramento de proba co Obradoiro. Tanto o equipo de Nigrán como os seus pais mostraron a súa conformidade e o menor viaxou a Santiago, ao colexio Peleteiro, onde deixou moi boas sensacións nos adestramentos programados.
O resultado do seu bo traballo foi a concesión por parte do Obradoiro Peleteiro dunha bolsa durante estes anos para xogar en Santiago no seu equipo Júnior alternando os adestramentos co equipo Sénior de canteira, o Obradoiro Silleda, co que conseguiu o ascenso a EBA.
Esta nova promesa foi ademais un dos premiados como mellor deportista na disciplina de baloncesto nas últimas galas do deporte en Nigrán e Gondomar. No Club Baloncesto Nigrán se senten “enormemente satisfeitos e emocionados de que Víctor siga cultivando éxitos xa que ademais de tratarse dun xogador cunhas excelentes aptitudes para este deporte é un mozo nobre e moi bo compañeiro”.


